O PP de Betanzos esixe unha xestión responsable do vertedoiro de A Feira Nova

O Partido Popular de Betanzos volve reclamar ao equipo de goberno unha xestión responsable do depósito de residuos de A Feira Nova, "que leva anos convertido nun vertedoiro incontrolado". Traslada que neste espazo se acumulan sen control elementos do mobiliario urbano, entullos de obras e mesmo vehículos, considerados pola lexislación como residuos perigosos.
En definitiva, o grupo popular indica que se trata dun terreo situado entre as instalacións das naves da feira e unha zona residencial, onde o Concello verte sen ningún tipo de control nin garantía sanitaria toneladas de material de refugallo. Ademais, ao estar nunha zona en pendente, cando chove, os lixiviados circulan polas rúas e rematan nos ríos, xerando un torrente de substancias nocivas como resultado da irresponsable xestión do goberno local.
Neste sentido, a portavoz do PP, Cecilia Vázquez, volve denunciar a situación ante o Concello, así como ante outras administracións con competencias en materia medioambiental e sanitaria. “É unha irresponsabilidade que sexa o propio Concello quen xere e manteña un foco de contaminación ao que cada vez van parar máis residuos”, lamentou Vázquez.
A popular insiste en que “non pode ser que a veciñanza teña que facer fronte a un recibo do lixo cada vez máis caro, que o servizo sexa deficiente, que a súa xestión estea continuamente en cuestión e que, ademais, o Concello manteña e incremente un vertedoiro incontrolado entre un centro de formación e unha zona residencial”.