O PP de Betanzos acusa ao Goberno local de "abandonar" Touriñao e responsabilizar ás administracións

ACoruñaXa
O grupo popular traslada a falta de sensibilidade do executivo local cara os veciños de Touriñao
cecilia-pp-betanzos
3 Jun 2025

O Partido Popular de Betanzos denunciou que o Goberno local xustifica o abandono das infraestruturas e servizos municipais no lugar de Touriñao responsabilizando das carencias a outras administracións e mesmo aos propios veciños. Así o asegura a portavoz popular, Cecilia Vázquez, logo da resposta do executivo socialista á moción que o PP levou ao Pleno recollendo as necesidades transmitidas polo vecindario durante unha reunión celebrada recentemente con residentes deste núcleo da parroquia de San Martiño de Tiobre.

“É evidente que desde o despacho non se poden coñecer os problemas que padecen a diario os veciños de Touriñao, pero o que é absolutamente inxusto é que se negue a realidade vivida polos propios veciños”, afirmou Vázquez, quen engadiu que “sempre negan a maior, todo está ben e, se non o está, é culpa dos demais, mesmo dos propios veciños”.

Desde o PP aseguran que a falta de sensibilidade do Goberno local cara os veciños de Touriñao “non é moi distinta da que practican coas demais parroquias” e critican que “tratan a todos igual, con total indiferencia”, algo que consideran “absolutamente inaceptable”.

A moción presentada polo grupo popular recollía un conxunto de actuacións urxentes para garantir os servizos básicos nesta zona rural. Entre as propostas incluíanse o aumento da frecuencia na recollida do lixo, a mellora do estado e a ubicación dos colectores, así como a elaboración dun plan integral para as pistas municipais que contemple ensanches, repavimentación, mellora do firme e limpeza periódica dos bordos.

En materia de seguridade viaria, o PP reclamaba tamén a poda da vexetación nos laterais das pistas e a instalación de espellos de visibilidade en puntos perigosos. Ademais, pedían que o Concello inste á Deputación da Coruña a colocar unha barreira de seguridade no cruce do cemiterio, na DP-0906, e a revisar urxentemente ese tramo, así como realizar unha reparación definitiva da estrada ao seu paso por Touriñao.

Outro dos puntos destacados pola portavoz popular foi a necesidade de que o Concello actúe fronte ao abandono das fincas privadas, especialmente de cara ao verán. “O Concello debe instar os propietarios a realizar a limpeza e, no caso de incumprimento, actuar subsidiariamente de forma rápida e efectiva”, sinalou Vázquez.

A formación popular reclama así unha maior implicación do executivo local para mellorar as condicións de vida no rural e denuncia que o abandono institucional en Touriñao é reflexo dunha falta de compromiso máis ampla con todo o territorio do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.084522008895874