O PP de Bergondo promove un concurso veciñal para escoller a mellor decoración de Nadal

ACoruñaXa
A iniciativa dos populares premiará a casa e a porta mellor adornadas, con cestas de Nadal valoradas en 100 e 50 euros, respectivamente
BERGONDO pp luces
9 Dec 2025

O PP de Bergondo lanza por primeira vez un concurso de decoración de Nadal dirixido ás vivendas do municipio. A formación popular pretende que as familias se impliquen na ambientación das festas e que o espírito navideño se deixe notar en fachadas, ventás e portais de todo o termo municipal.

As bases son sinxelas: cada participante deberá sacar unha foto da súa casa ou da súa porta decorada e subila ao perfil de Facebook do PP de Bergondo. Co conxunto de imaxes recibidas, a organización elaborará despois unha selección para que sexa a propia veciñanza quen elixa, mediante votación, cales son as propostas gañadoras.

O prazo para achegar fotografías remata o 20 de decembro. Entre todas as candidaturas, a casa mellor valorada polos votos do público recibirá unha gran cesta de Nadal cun importe aproximado de 100 euros, mentres que a porta que resulte máis votada será premiada cunha cesta valorada en 50 euros.

Desde o PP bergondés subliñan que se trata dunha iniciativa de carácter lúdico, independente da programación institucional, e convidan a todos os veciños e veciñas a participar para encher Bergondo de luz, creatividade e ambiente festivo nestas datas.

⚙ Configurar cookies
0.086013078689575