O PP da Coruña votará en contra da suba da taxa do lixo impulsada por PSOE e BNG

O Grupo Municipal do Partido Popular da Coruña anunciou que votará en contra da modificación da taxa do lixo que o Goberno local levará a pleno este xoves, e que contará co apoio de PSOE e BNG. Os populares consideran que a suba “exponencial” prevista é inxustificada e “chega nun momento especialmente delicado para as familias e os negocios coruñeses”.
“Non é momento de subir impostos co custo actual da cesta da compra ou a vivenda”, sinalan desde o grupo, que denuncia que “todo o que rodea ao lixo no Concello non funciona como debe”.
Segundo os datos ofrecidos polo PP, a nova ordenanza implicará un incremento moi significativo no recibo anual, que pasará dunha cota actual de entre 60,45 e 68,87 euros a un importe que oscilará entre 117,48 e 200,98 euros ao ano, ao sumarse unha cota fixa e outra variable. “É dicir, que un coruñés que agora paga 60,45 euros poderá pasar a pagar uns 200 euros, máis do triple”, afirman.
Os populares critican que esta suba chega “tras perdoar máis de 7 millóns de euros á empresa que xestiona Nostián sen xustificación, cando a recollida non se fai en condicións e está sen contrato desde 2017, co tratamento tamén sen contrato desde 2020 e sen cumprir coa normativa de reciclaxe”. Ademais, engaden, “renunciouse a 11 millóns de fondos europeos para modernizar a planta”.
Desde o PP lembran tamén que xa advertiron desta tendencia en 2024, cando “Inés Rey subiu todos os impostos un 3 % a todos os coruñeses para logo non executar o orzamento e non facer investimentos nos barrios”. Por iso, consideran que esta nova medida supón “un tasazo no recibo do lixo a todos os domicilios e a todos os negocios”.
O grupo reitera así a súa oposición frontal á proposta do Goberno local e pide frear unha subida que consideran “inxusta e mal xestionada”.