O PP da Coruña rexistra unha moción para pedir recuperar as axudas para ascensores

O Grupo Popular vén de rexistrar unha moción para o seu debate no Pleno do 5 de xuño co obxectivo de avanzar na accesibilidade dos edificios da cidade, especialmente aqueles que carecen de ascensor. A iniciativa inclúe tres propostas principais: convocar canto antes as axudas para a instalación de ascensores, ausentes neste 2024; aumentar o orzamento para estas subvencións ata os 2 millóns de euros no ano 2025; e poñer en marcha unha nova Ordenanza de Ascensores que simplifique os trámites para as comunidades de veciños.
A formación popular denuncia que, a día de hoxe, o Concello da Coruña segue acumulando importantes carencias no cumprimento da Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade e a súa Inclusión Social. En edificios antigos, a ausencia de ascensores e a escasa dotación de axudas municipais obrigan a moitas persoas con mobilidade reducida a vivir confinadas nos seus fogares.
Segundo sinalan, as barreiras arquitectónicas afectan especialmente á poboación maior e a aqueles veciños con escasos recursos económicos, que non poden asumir o custo das obras necesarias. A accesibilidade segue a ser unha débeda pendente que require dunha resposta decidida por parte do Goberno local.
O PP coruñés considera imprescindible reactivar de inmediato a convocatoria de axudas para mellorar a accesibilidade nos edificios e establecer un marco normativo claro e áxil que acompañe ás comunidades veciñais no proceso de instalación de ascensores, especialmente nos casos máis urxentes.