O PP da Coruña reclama máis accións para garantir a accesibilidade universal

O Grupo Popular no Concello da Coruña vén de instar ao Goberno local a tomar medidas urxentes para mellorar a accesibilidade na cidade, logo de que se fixera pública a denuncia dun veciño do Agra do Orzán, cuxa muller non pode saír do seu edificio en cadeira de rodas debido a un chanzo de apenas 8 centímetros.
“Presentamos unha moción sobre accesibilidade no pleno de outubro de 2024 que foi aprobada por unanimidade, pero que, como tantas outras, segue sen executarse”, denunciou o voceiro popular, Miguel Lorenzo. O edil e varios concelleiros do seu grupo visitaron recentemente ao veciño afectado, que leva máis de tres anos solicitando unha solución ao Concello sen obter resposta.
Segundo explicou Lorenzo, bastaría con instalar unha pequena rampla, para o que é necesario un permiso municipal de ocupación da beirarrúa. “O único contacto que tiveron con el foi despois de que os medios recollesen a súa denuncia, pero aínda non lle ofrecen ningunha solución”, lamentou.
O PP advertiu de que esta situación non é un caso illado. Moitos edificios da cidade, especialmente nos barrios máis antigos, seguen a ser inaccesibles para persoas maiores ou con mobilidade reducida. De feito, especialistas en rehabilitación apuntan que arredor do 40 % dos inmobles da Coruña carecen de ascensor.
Trasladan que moitos destes veciños son xubilados con pensións baixas, que non poden asumir o custo dunha instalación destas características, apuntan desde o grupo municipal. Por iso, propoñen aumentar as axudas para accesibilidade ata os 2 millóns de euros anuais, fronte aos 1.170.000 euros previstos para 2025, unha partida que consideran claramente insuficiente.
Ademais, denuncian a escasa execución orzamentaria do ano 2023, cando se deixou sen gastar o 58 % do presuposto destinado a accesibilidade, o que supón 1 millón de euros sen utilizar. “Non chega con anunciar as axudas, hai que executalas e facilitar os trámites para que cheguen a quen realmente as necesita”, concluíu Lorenzo.