O PP da Coruña propón actualizar o Plan de Emerxencias para responder en situacións de crise

O Grupo Popular levará ao Pleno municipal unha moción para reforzar os servizos de emerxencias da cidade tras os problemas detectados durante a caída masiva da rede eléctrica que tivo lugar o pasado 28 de abril en todo o Estado. A formación considera que aquela situación puxo en evidencia diversas carencias no dispositivo municipal, o que fai necesario actualizar e mellorar os protocolos de actuación ante crises semellantes.
Durante aquel episodio, segundo indican, a coordinación entre traballadores públicos, medios de comunicación e cidadanía evitou consecuencias máis graves. Porén, a Policía Local e os Bombeiros quedaron sen canles de radiocomunicación, e tamén se rexistraron deficiencias no funcionamento dun xerador situado no cuartel da Policía Local. Isto, resalta o grupo popular, afectou á capacidade de resposta nun momento no que a cidade necesitaba axilidade e eficacia.
Ademais, segundo denuncia o PP, moitas persoas víronse nunha situación de vulnerabilidade nas súas casas, ao depender de equipos eléctricos para necesidades básicas como a respiración asistida. Noutros casos, como nos barrios de Monte Alto ou Eirís, a falta de enerxía afectou ao bombeo de auga, deixando vivendas sen subministración, e tamén se produciron situacións como persoas atrapadas en ascensores.
O Grupo Popular considera imprescindible a revisión do Plan Municipal de Emerxencias (PEMU), que non se actualiza desde o ano 2015, e reclama un novo documento que incorpore os avances tecnolóxicos actuais e as novas necesidades da poboación. Tamén apostan pola creación dun servizo técnico de atención permanente para o control e mantemento de equipos de emerxencia, así como dun comité de crise municipal formado por profesionais de distintos ámbitos que poidan actuar ante situacións complexas.
Desde o PP tamén propoñen incorporar ao Plan Municipal de Saúde Mental unha sección específica para a xestión psicoemocional en casos críticos, así como elaborar unha guía de boas prácticas para que a cidadanía coñeza pautas básicas de actuación en emerxencias e se fomente a cultura da prevención.
Con esta moción, a formación busca abrir un debate na corporación municipal sobre a capacidade real de resposta da cidade ante emerxencias e reforzar a preparación tanto dos servizos públicos como da veciñanza fronte a situacións límite.