O PP da Coruña presentará unha moción para mellorar as infraestruturas e servizos no barrio da Zapateira

ACoruñaXa
Os populares denuncian a acumulación de problemas, especialmente na rede de saneamento
PP Coruña decembro
6 Apr 2025

O Grupo Municipal Popular de A Coruña presentará unha moción no vindeiro Pleno do Concello co obxectivo de mellorar as condicións de vida no barrio da Zapateira, unha das zonas máis afectadas polo desleixo do Goberno municipal, segundo trasladan. A proposta chega tras a reunión mantida cos representantes da súa Asociación de Veciños, quen trasladaron as súas preocupacións ante a situación de abandono que arrastra o barrio.

Os populares denuncian que a falta de interese por parte do Executivo local está a provocar a acumulación de problemas, especialmente na rede de saneamento. A infraestrutura actual, insuficiente para unha poboación superior aos 2.000 habitantes, provoca que as augas fecais se acumulen nas rúas e nas cunetas, afectando á calidade de vida dos veciños e poñendo en risco a saúde pública.

Ademais, a Asociación de Veciños da Zapateira tamén denuncia a falta de planificación urbanística, así como a escaseza de equipamentos deportivos e socioculturais públicos. O barrio carece dun centro cívico e dun espazo lúdico para os máis novos, así como de rutas de senderismo homologadas que promovan a actividade física entre os veciños. O Grupo Popular, consciente destas carencias, propoñerá no Pleno a creación destas infraestruturas para fomentar a integración social e a actividade física na zona.

Outro dos problemas máis denunciados polos veciños da Zapateira é o deficiente estado das infraestruturas, como as calzadas e as aceras, que, ademais de estar deterioradas, dificultan a continuidade dos traballos feitos por outros concellos próximos, como o de Arteixo. Esta falta de mantemento está a afectar directamente á mobilidade dos cidadáns, especialmente nas vías de acceso máis transitadas, como a Avenida Nueva York e a Terceira Ronda.

A Zapateira conta con decenas de centros de ensino, e a saturación do tráfico nas entradas e saídas da zona convértense nunha auténtica odisea diaria para os veciños. As intensas retencións obrigan aos condutores a saír das súas casas con moita antelación para chegar a tempo aos seus destinos, mentres que o transporte público non mellora. A única liña de autobús dispoñible, a número 24, non cubre adecuadamente as necesidades de mobilidade dos veciños, que tamén se queixan da falta de paradas e frecuencias.

Os populares esixen á Xunta e ao Goberno municipal que adopten medidas urxentes para mellorar as infraestruturas e os servizos na Zapateira, e destacan a importancia de escoitar as demandas dos veciños, que levan anos esperando solucións.

0.1643750667572