O PP da Coruña presentará unha emenda ao orzamento de 2025

ACoruñaXa
O portavoz popular, Miguel Lorenzo, criticou que mantén a suba de todos os impostos e introduce novos aumentos
foto-MIGUEL-LORENZO-05-02-25
6 Feb 2025

O Grupo Popular no Concello da Coruña levará ao Pleno unha emenda ao orzamento de 2025 para modificar as Bases de execución e incrementar partidas destinadas a mellorar os barrios, o benestar social, a vivenda, a seguridade, o comercio local, o deporte, a cultura e a educación. O portavoz popular, Miguel Lorenzo, explicou que a súa proposta busca garantir a transparencia na xestión municipal e reforzar o control e fiscalización do uso dos recursos públicos.

Lorenzo criticou que o orzamento mantén a suba de todos os impostos e introduce novos aumentos, como a taxa turística ou a suba do 33% na taxa de recollida de lixo. "A pesar diso, recórtanse partidas sociais e reducen as inversións nos barrios, o que contradí as afirmacións da alcaldesa", afirmou.

MODIFICACIÓN DAS BASES DE EXECUCIÓN

O popular sinalou que un dos aspectos máis preocupantes deste orzamento é a modificación das bases de execución, xa que outorgaría "todo o poder" ao concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Lage Tuñas, en detrimento da transparencia e do control democrático. “Se estas bases se aproban, o goberno terá vía libre para xestionar o orzamento sen supervisión, restando competencias ao Pleno”, advertiu Lorenzo, quen pediu ao BNG que reflexione sobre o seu apoio a estas contas.

As modificacións propostas no orzamento supoñen cambios na aprobación das transferencias de crédito, que ata o de agora eran competencia da Corporación municipal e pasarían a depender exclusivamente da Alcaldía, incluídas as de persoal. Tamén se modificarían as transferencias nos anexos de investimentos e convenios, outorgándolle á Alcaldía a capacidade de decidir sobre estas partidas sen necesidade de pasar polo Pleno.

Outro aspecto crítico é que calquera exceso de gasto nunha aplicación ou o uso de créditos doutras partidas vinculadas precisarían da autorización da concellería de Economía. "Isto significa que Lage Tuñas terá o control total do orzamento e que os demais concelleiros quedarán sen autonomía para xestionar as súas áreas", asegurou Lorenzo.

CHAMAMENTO AO BNG PARA UN ACORDO

Ante esta situación, o Grupo Popular presentará unha emenda que será trasladada ao BNG para tratar de alcanzar un acordo que garanta unha xestión máis transparente. "Non podemos permitir que a través dunha cuestión de confianza, que non leva aparellada unha moción de censura, se aproben unhas bases que entregan todo o poder ao goberno municipal e eliminan a capacidade do Pleno para fiscalizar a súa xestión", concluíu Lorenzo.

A emenda inclúe, ademais da modificación das Bases de execución, un incremento das partidas destinadas aos barrios, convenios, benestar social, vivenda, seguridade, comercio local, deporte, cultura e educación.

 

 

 

 

0.15444111824036