O PP da Coruña pide un Plan de Revitalización e Mellora dos Mercados Municipais

O Grupo Popular no Concello da Coruña presentou unha moción na que solicita a posta en marcha dun Plan de Revitalización e Mellora dos Mercados Municipais da cidade, unha proposta que xa figuraba nas 399 alegacións sectoriais que o grupo incluíu ao proxecto de orzamentos municipais.
Desde o PP critican a escasa atención que o Goberno local presta ao estado dos mercados, tanto no mantemento como na limpeza e dinamización, responsabilidades que, segundo denuncian, non está a asumir de forma adecuada. Como mostra, apuntan á partida orzamentaria para o mantemento dos mercados, que apenas alcanza os 55.000 euros. Esta situación levou a que praceiros e praceiras de San Agustín, praza de Lugo e Elviña presentaran unha alegación conxunta, que segundo o grupo popular foi rexeitada sen ser sequera lida polos responsables municipais, José Manuel Lage Tuñas e a alcaldesa Inés Rey.
Os populares destacan que os mercados non só son espazos de venda de produtos locais, frescos e de calidade, senón tamén lugares de encontro social e impulso da economía de proximidade. Consideran que cumprir coas súas necesidades é esencial para fortalecer os barrios e facer da Coruña unha cidade máis viva e cohesionada.
Entre as medidas que propoñen neste plan, inclúese a creación dunha mesa local de mercados que se reúna de maneira semestral con representantes do sector e que manteña encontros individuais por mercado, polo menos cada trimestre.
Tamén solicitan unha revisión e actualización do contrato de mantemento das instalacións comúns, como os montacargas, sistemas de ventilación, aire acondicionado ou máquinas de xeo. Ademais, propoñen mellorar o acceso da clientela mediante un aumento na frecuencia do transporte público e a creación de axudas para o estacionamento, tanto para compradores como para traballadores dos mercados.
Finalmente, consideran imprescindible convocar concursos para cubrir todos os postos baleiros e actualizar as ordenanzas municipais, vixentes desde o ano 2007, como pasos clave para revitalizar estes espazos fundamentais da vida coruñesa.