O PP da Coruña pide “solucións reais” para o problema da vivenda na cidade

O portavoz do Grupo Popular da Coruña, Miguel Lorenzo, reclamou “medidas reais” fronte ao problema da vivenda, que cualificou como “o máis importante para a cidadanía, tamén para os coruñeses”, e advertiu de que “non se pode afrontar con propostas populistas que non axudan a solucionalo”.
Lorenzo advertiu de que existen “dúas formas de actuar” diante deste reto. Por unha banda, criticou a intención da alcaldesa, Inés Rey, de promover a declaración da cidade como zona tensionada, unha medida que, segundo o portavoz popular, “non funciona” en lugares onde xa está en marcha, como Barcelona, “onde se retirou do mercado de alugueiro un 20 % das vivendas e subiron as rendas baixas”.
Fronte a iso, defendeu as propostas do Partido Popular, que inclúen a reforma da Lei estatal de vivenda para ofrecer máis seguridade xurídica aos arrendadores. Como exemplo das consecuencias da lexislación actual, apuntou que os prezos dos alugueiros en España “subiron un 26 % desde a súa entrada en vigor” e que “se retiraron 120.000 vivendas do mercado”. Tamén se referiu a datos como as 1.800 “inquiokupacións” rexistradas en Galicia ou casos concretos como o dunha muller no barrio dos Mallos que “tivo que recuperar o seu piso nos xulgados tras cinco anos sen cobrar o alugueiro”.
Ademais, sinalou a existencia de 30.000 vivendas baleiras na cidade e apostou por incentivar o seu alugueiro mediante programas como o Fogar Vivo, impulsado pola Xunta de Galicia, que ofrece ata 16.000 euros en axudas para reformar, asegurar e poñer en alugueiro estas propiedades.