O PP da Coruña pide explicacións das prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida

ACoruñaXa
Segundo aseguran os populares nos últimos meses elimináronse numerosas prazas de estacionamento en diferentes puntos
lorenzo-pp-pmr
27 May 2025

O Grupo Municipal Popular da Coruña vén de solicitar ao Goberno local aclaracións sobre o número e control das prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida (PMR), despois de que nos últimos meses se eliminasen numerosas prazas de estacionamento en diferentes puntos da cidade.

Segundo datos recentes, que trasladan, actualmente existen 529 prazas PMR na cidade, e a Policía Local interpuxo máis de 1.400 denuncias no que vai de ano por estacionamentos indebidos nestes espazos reservados.

Dende o PP advirten que o Real Decreto 1056/2014 establece, no seu artigo 5, a obrigatoriedade de contar cunha praza PMR por cada corenta prazas de estacionamento ou fracción, polo que rexistraron unha serie de preguntas para coñecer se o Goberno local considera suficiente o número actual de prazas deste tipo, tendo en conta a demanda existente.

Ademais, os populares preguntan se hai persoas en lista de espera para obter a tarxeta PMR no Concello da Coruña, e no caso de que existan, cal é o número exacto de solicitudes pendentes.

Outra das cuestións trasladadas polo grupo popular ten que ver coa tramitación das denuncias. Concretamente, queren saber cantas das 1.427 sancións impostas pola Policía Local en 2024 foron efectivamente tramitadas e se o executivo municipal pensa reforzar os controis para evitar o uso fraudulento destas prazas ou o mal uso das tarxetas PMR.

Dende o PP consideran que a protección dos dereitos das persoas con mobilidade reducida debe ser unha prioridade real, tanto no que respecta ao número de prazas como ao seu uso correcto.

⚙ Configurar cookies
0.16993308067322