O PP da Coruña pide a Inés Rey que se opoña á supresión dun xulgado de instrución na cidade

ACoruñaXa
Desde o grupo municipal popular lembran que A Coruña necesita todos os seus actuais xulgados de instrución
miguel-lorenzo-pp
11 Jun 2025

O portavoz do Grupo Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, instou á alcaldesa Inés Rey a que "presione ao Goberno do Estado para que non elimine o xulgado de instrución previsto na nosa cidade para ampliar a dotación de prazas de xuíces de violencia sobre a muller". Lorenzo advertiu de que, aínda que ve necesaria esa ampliación, especialmente a partir de outubro cando estes órganos deberán asumir tamén casos de violencia sexual, "non pode facerse a costa de suprimir outro tipo de xulgados sobrecargados de traballo como son os de instrución".

Segundo traslada o PP da Coruña, a decisión do Goberno central afecta tamén á cidade de Vigo, onde está prevista a transformación doutro xulgado de instrución co mesmo fin. Neste sentido, o portavoz popular subliñou que “o alcalde de Vigo xa manifestou publicamente o seu desacordo, mentres a da nosa cidade permanece calada como sempre que hai un agravio do Goberno socialista”.

Desde o Partido Popular critican que esta actitude de silencio non é nova. “Temos outro exemplo desta mesma semana, cando Inés Rey mantivo un silencio inadmisible ante o intento do Goberno socialista de controlar Alvedro desde Vigo. Cada vez que ten que defender á nosa cidade fronte aos agravios do Goberno de Pedro Sánchez, baixa a cabeza e mira para outro lado”, engadiu Lorenzo.

A Xunta de Galicia, pola súa parte, indican, xa trasladou ao ministro de Xustiza a súa preocupación polo impacto que podería ter esta medida na calidade do servizo xudicial, e solicitou manter as dúas unidades de instrución ao tempo que se crean novas seccións especializadas en violencia de xénero.

“Instamos a Inés Rey a que envíe tamén unha carta ou fale co ministro do seu partido para reverter esta decisión. Pódese facer porque xa rectificaron en Benidorm. Necesitamos máis recursos nos xulgados especializados, pero sen debilitar a estrutura xudicial existente”, sinalou Lorenzo.

Desde o grupo municipal popular lembran que A Coruña necesita todos os seus actuais xulgados de instrución, e advirten de que a súa supresión “suporía un prexuízo para a cidadanía e para o sistema xudicial porque este tipo de xulgados se atopan ao límite de entrada de asuntos e tamén suporá atrasos na tramitación de dilixencias penais”.

⚙ Configurar cookies
0.17725396156311