O PP da Coruña pedirá explicacións no Pleno pola ampliación da zona ORA a novos barrios

O Grupo Municipal do PP da Coruña levará ao Pleno do xoves 11 de xullo unha pregunta oral dirixida á alcaldesa Inés Rey sobre os prazos que manexa o Goberno local para comezar a cobrar por aparcar en barrios nos que ata o de agora o estacionamento era gratuíto. A iniciativa chega tras a aprobación inicial da nova ordenanza de mobilidade, que inclúe unha ampliación significativa da zona ORA a diferentes puntos da cidade.
Segundo denuncia o PP, a nova normativa, aprobada cos votos a favor de PSOE e BNG e co rexeitamento do Partido Popular, contempla que residentes en barrios como Elviña, Lonzas, Os Mallos, Sardiñeira, Matogrande, Riazor ou Cidade Xardín teñan que pagar por aparcar nas súas rúas.
Os populares argumentan o seu voto negativo á ordenanza pola "falta de consenso cos sectores implicados" e porque consideran imprescindible actualizar previamente o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) de 2014. Ademais, critican que “esta ampliación inxustificada da ORA duplicará as prazas actuais” e acusan ao executivo de Inés Rey de actuar cun “mero afán recadatorio”.
“O Goberno de Inés Rey pretende meter pola porta de atrás unha ampliación da zona ORA que fará pagar a máis veciños por aparcar nas súas zonas, sen ofrecer alternativas reais”, sinala o grupo popular.
A formación tamén cuestiona que esta medida se leve a cabo despois de que, segundo os seus cálculos, o executivo eliminase máis de 1.400 prazas de estacionamento durante o actual mandato sen habilitar novas opcións. Por iso, anuncian que no Pleno preguntarán á alcaldesa “que prazos baralla para que os cidadáns paguen por aparcar neses novos barrios afectados”.