O PP da Coruña fai balance e preséntase como alternativa sólida para liderar a cidade en 2027

O portavoz do Grupo Popular da Coruña, Miguel Lorenzo, fixo balance dos dous anos transcorridos desde as eleccións municipais de 2023 e aproveitou para lanzar unha dura crítica á xestión da alcaldesa Inés Rey. “Fronte a unha alcaldesa que non é de fiar, que renunciou a gobernar, non ten proxecto e que está esgotada, hai outra forma de gobernar”, sinalou Lorenzo, que contrapuxo o estilo do PP cun modelo “con humildade e honestidade, fronte á soberbia e ao oscurantismo; con diálogo e consenso, fronte ao portazo e á imposición; con ilusión e propostas, fronte ao relato e ás falsas promesas”.
O líder popular acusou a alcaldesa socialista de carecer de proxecto real para a cidade e afirmou que “o único que ten é relato, moi ben construído, pero unha vez que se profundiza nel calquera parecido coa realidade é pura coincidencia, como no cine”. Segundo Lorenzo, Inés Rey cedeu competencias, está mal informada sobre o que sucede no Concello e, en definitiva, “renunciou a xestionar a cidade”.
O portavoz tamén fixo referencia a unha recente enquisa que, segundo el, avala a súa postura e reflicte que a cidadanía percibe a Rey como “incapaz de xestionar e de solucionar os problemas básicos”, que “os barrios están abandonados” e que “vive de rendas de proxectos impulsados por outras administracións”. Tamén denunciou o que cualificou de “progresismo de fachada”, recordando que “hai 16.000 familias coruñesas que acoden ao Banco de Alimentos e o 11 % non chega a fin de mes, pero recortan as partidas de Becas Comedor, Emerxencia e Renda Social”.
Neste contexto, Lorenzo reivindicou o papel do Partido Popular como unha forza que mantén unha oposición “firme e fiscalizadora” e próxima á veciñanza, destacando que “os coruñeses avalan” esta labor, como demostraría o incremento de 3,2 puntos na estimación de voto, ata o 40%, e a ampliación da vantaxe sobre o PSOE ata 8,2 puntos.
“Traballarei para que dentro de dous anos comece unha nova etapa para A Coruña, marcada pola unidade, a ilusión e o compromiso de construír unha cidade para todos, feita por todos”, asegurou o popular. E engadiu: “Eu sei que necesito 14 concelleiros para ser alcalde e Inés Rey sabe que con 8 lle chegan. Por iso permítese tantas licenzas, entre elas gobernar de costas á cidadanía e aos barrios”.
Lorenzo insistiu na importancia de pensar tanto nos grandes proxectos como nas persoas, e lanzou o lema “Cada coruñés conta”, abordando temas como vivenda, accesibilidade, mobilidade ou seguridade. E concluíu cunha crítica directa ao goberno local: “Inés Rey débeilles aos barrios 300 millóns de desculpas, unha por cada euro en obras que deixou sen gastar no seu mandato. Uns barrios limpos, seguros, cómodos, modernos… Cada barrio conta”.