O PP da Coruña exixe medidas urxentes contra os narcopisos

ACoruñaXa
O grupo popular insta ao Goberno municipal e á Delegación do Goberno a tomar accións inmediatas
narcopisos-corunha
28 Apr 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular da Coruña insta ao Goberno municipal e á Delegación do Goberno a tomar accións inmediatas para acabar coa actividade dos narcopisos que atemorizan aos veciños das rúas Vizcaya 58, en Os Mallos, e Laracha 12, no Agra do Orzán. A denuncia, que se fai eco do hartazgo da cidadanía, subliña a situación insostible que están a vivir as persoas que residen nas proximidades destes lugares.

Os veciños de Vizcaya 58 trasladaron ao PP fotografías alarmantes que evidencian a actividade criminal na zona: xeringas usadas nos buzóns, sangue nos timbres, papelinas con droga nas escaleiras e portais forzados. A pesar de varias protestas veciñais, como caceroladas para reclamar máis seguridade, os narcopisos seguen operando sen que se tomen medidas efectivas para erradicalos.

Aseguran desde o grupo popular que non é un caso illado. Así, na rúa Laracha 12, no Agra do Orzán, tamén se rexistraron incidentes graves, como unha pelexa que deixou feridos, e o narcopiso continúa activo a pesar das protestas veciñais. Os populares afirman que a situación está a crear un ambiente de inseguridade e malestar entre os cidadáns, que ven como a súa vida diaria se ve afectada pola criminalidade sen que as autoridades actúen de forma contundente.

O Partido Popular reclama máis presenza policial nas rúas da cidade, pedindo a recuperación da Policía de Barrio, unha maior coordinación entre a Policía Local e a Policía Nacional e a creación de mapas de delincuencia por barrios para poder determinar as necesidades de cada zona. Tamén demandan que se incrementen as plantillas destes corpos policiais, un paso que consideran fundamental para loitar contra o aumento da criminalidade que se está a vivir na cidade.

Segundo o PP, desde que Inés Rey asumiu a alcaldía, os delitos na Coruña aumentaron un 24 %. A cidade sofre unha media de 35 delitos diarios, un roubo cada 32 horas, e segue sendo a cidade galega onde se cometen máis delitos. O Grupo Popular critica que a alcaldesa se centre en grandes proxectos sen executar, cando os problemas reais dos veciños – como a inseguridade e a criminalidade – quedan desatendidos.

“Os coruñeses merecen vivir tranquilos e sen medo. O Goberno municipal debe resolver os problemas de seguridade e non seguir perdendo o tempo con propostas que non melloran a vida das persoas. O PP exixe acción inmediata para acabar coas actividades criminales que están a perturbar a nosa cidade”, afirmou o voceiro do PP na Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.16912794113159