O PP da Coruña esixe unha revisión urxente dos parques infantís tras varios incidentes

ACoruñaXa
O grupo que lidera a oposición reclama ao executivo de Inés Rey unha maior responsabilidade
PP Coruña decembro
21 May 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular solicitará no próximo Pleno unha revisión detallada e urxente de todos os parques infantís da Coruña, ante os recentes incidentes rexistrados que, segundo denuncian, están a xerar preocupación entre as familias polo deficiente estado de conservación destas áreas destinadas aos máis pequenos.

Os populares consideran inadmisible que, a pesar de que o Concello destina anualmente un millón de euros á empresa encargada do mantemento, sigan producíndose situacións que comprometen a seguridade da infancia. Entre os casos citados pola formación destaca a rotura do columpio adaptado no parque de Vioño, no que hai apenas un ano se investiron 40.000 euros. Tamén fan referencia a feridas sufridas por varios nenos no parque da praza de Pontevedra por problemas nun dos xogos e ás queixas de familias do Castrillón polos continuos resbalóns provocados pola area no parque infantil da praza da Concordia.

Dende o PP instan ao Goberno local a establecer revisións diarias en cada un dos parques infantís, considerando que se trata de espazos especialmente sensibles ao estaren dirixidos ao público infantil. Reclaman que as incidencias detectadas sexan resoltas coa maior brevidade posible.

Os populares tamén lembran que xa advertiran no seu momento dos riscos no parque de Os Pelamios pola presenza masiva de bolas de caucho no chan, un problema que nun primeiro momento foi negado pola alcaldesa pero que finalmente foi recoñecido. Ademais, lembran o precintado do parque de Xuxán en febreiro, motivado por deficiencias no firme tras a caída dun muro.

Dende María Pita, o grupo que lidera a oposición reclama ao executivo de Inés Rey unha maior responsabilidade e dilixencia na xestión dun servizo tan esencial como é a seguridade dos parques infantís, clave para garantir un lecer seguro e de calidade para a infancia coruñesa.

⚙ Configurar cookies
0.14970302581787