O PP da Coruña esixe a Inés Rey que actúe con urxencia para solucionar os problemas de Elviña

ACoruñaXa
O portavoz popular, Miguel Lorenzo, sinalou a unha "nula presenza policial na zona" entre outras cuestións
miguel-lorenzo-elvinha
4 Jul 2025

O portavoz do Grupo Popular na Coruña, Miguel Lorenzo, reclamou ao Goberno local que resolva de maneira inmediata os problemas que afectan ao barrio de Elviña, unha zona que, segundo denunciou tras a súa recente visita, está “abandonada” pola administración municipal.

Lorenzo recordou que “hai sete meses visitamos Elviña e os veciños trasladáronnos as súas queixas por problemas de todo tipo”. Sen embargo, tras a última comprobación no barrio, constatou que “nada cambiou porque seguen existindo os mesmos problemas de falta de mantemento xeneralizado e de inseguridade con roubos continuos nos comercios da zona, como podemos ler hoxe na prensa”.

O portavoz popular, acompañado pola concelleira Susana Catalán e representantes da asociación veciñal que preside Lalo García, percorreu o barrio e observou a “falta de atención municipal”: zonas verdes sen mantemento e invadidas pola maleza; beirarrúas en mal estado que dificultan o paso dos peóns; baches e fendas no pavimento que causan problemas aos vehículos, entre outras deficiencias.

Miguel Lorenzo subliñou tamén “a nula presenza policial na zona, o que provoca que os roubos sexan unha constante, prexudicando aos pequenos comerciantes da contorna”. Por iso, pediu “a recuperación da Policía de Barrio, como reclaman na maioría dos barrios da cidade”.

Finalmente, o portavoz popular insistiu na urxencia de “revitalizar Elviña para devolverlle o seu esplendor ao barrio e proporcionar aos residentes un entorno seguro e cómodo”.

⚙ Configurar cookies
0.1749050617218