O PP da Coruña esixe a Inés Rey máis inversión real nos barrios e "pisar a rúa"

ACoruñaXa
A formación popular demanda que o Plan de Barrios debería ir acompañado dunha execución eficaz
pp-corunha-balance
17 Jun 2025

O grupo municipal popular instou á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a “pisar a rúa” e deixar de planificar obras “desde o despacho”, tras considerar que os barrios da cidade están completamente esquecidos polo Goberno local. Segundo denuncian, a xestión das actuacións urbanas está a ser “tarde, mal e a rastras”.

A formación popular asegurou que o anunciado Plan de Barrios cun orzamento de 52 millóns de euros debería ir acompañado dunha execución eficaz, “para o que pedimos que a súa execución non sexa tan chapuceira como o que os veciños denuncian por toda a cidade”. Ademais, engaden que este plan non compensa o investimento pendente nos barrios: “aínda lles seguiría debendo aos veciños 250 millóns de euros, porque no seu mandato deixou sen executar 300 millóns para investimentos”.

Os populares puxeron como exemplo recentes queixas veciñais recibidas na avenida de Gran Canaria, onde, segundo indican, o Concello instalou “un banco diante dun paso de peóns, dificultando o paso”. E engaden: “Pero non só hai un banco, senón tamén unha papeleira e dous bolardos na acera fronte ao paso de peóns. Os peóns teñen que facer unha gincana para cruzar que non ten sentido”.

“Esta é a forma de traballar dun Goberno municipal que non coñece os barrios e dunha alcaldesa que non pisa a rúa”, insisten os populares, que sosteñen que “os veciños están alucinados”.

Tamén lembraron outras actuacións que cualifican de desacertadas, como a instalación dunha parada de bus na avenida do Porto “nunha zona axardinada que quedaba estragada cada vez que subían e baixaban os usuarios”, ou a colocación dunha marquesiña na rúa Pla y Cancela “xusto diante dun portal, impedindo o paso e dificultando a saída a persoas maiores e con mobilidade reducida”.

En canto ás Casas de Franco, critican que o Executivo local pretendía colocar “un muro de pedra dun metro e medio” e que foi a veciñanza a que achegou unha alternativa viable, demostrando “que si se podía eliminar”. Tamén censuran a instalación de paradas de BiciCoruña en lugares que implican a eliminación de prazas de aparcamento “en contra do que piden os veciños, porque xa é moi difícil aparcar, como en Novo Mesoiro, Matogrande ou recentemente no Barrio das Flores”.

⚙ Configurar cookies
0.2020959854126