O PP da Coruña denuncia o abandono do complexo deportivo de San Diego

ACoruñaXa
A formación popular propón unha nova política deportiva baseada na renovación das infraestruturas actuais
pp-corunha
3 Jul 2025

O voceiro do Grupo Popular na Coruña, Miguel Lorenzo, mantivo recentemente unha xuntanza con usuarias do complexo deportivo de San Diego, que contactaron co grupo municipal para trasladar o seu malestar pola “alarmante situación de abandono” da instalación.

Durante o encontro, no que tamén participaron os concelleiros populares Roberto García e María Jesús Fariñas, Lorenzo escoitou as queixas sobre diversos problemas que afectan ao complexo: “problemas de insalubridade en vestiarios e duchas, de seguridade, maquinaria estropeada e sen reparar, goteiras polos corredores, redución do número e frecuencia das actividades e escaseza de monitores para asesorar en actividade física”.

O portavoz popular subliñou que o complexo de San Diego “está sen contrato desde 2020, fai xa cinco anos, algo que sucede en case todo o que rodea ao deporte municipal”. Xunto con San Diego, Lorenzo lembrou que tamén se atopan nesta situación outras instalacións como O Castrillón, o campo de golf da Torre, a piscina de San Amaro, o servizo de conserxería, as escolas deportivas, o mantemento das instalacións e dos campos de fútbol.

Desde o PP tamén se puxo o foco na falta de resposta por parte do Goberno local: “Ningún representante municipal se puxo en contacto con estes usuarios a pesar de que xa se teñen queixado reiteradamente”. Lembran, ademais, que outro grupo de usuarios xa presentara hai un ano varias reclamacións ante a Valedora do Pobo e levou o tema ao Escaño Cidadán do Pleno sen que se produciran melloras.

“Unha instalación creada no ano 2000, sendo unha referencia no seu momento, está empeorando cada día que pasa porque non dispón dun contrato en vigor e os servizos que se prestan son cada vez máis escasos”, advertiu Lorenzo.

Ante esta situación, o PP da Coruña critica a xestión da alcaldesa Inés Rey, á que acusan de “non coidar das instalacións existentes e de non ter construído ningunha nova en seis anos”. Como alternativa, propoñen unha nova política deportiva baseada na renovación das infraestruturas actuais, a creación dun plan de novas instalacións para cubrir a demanda real da cidade e a habilitación de axudas para clubes e entidades que precisen mellorar os seus propios espazos.

“Nosotros apostamos por renovar todas las existentes y un plan de nuevas instalaciones que cubra toda la demanda y habilitar ayudas a clubes y entidades para la mejora de las propias”, concluíu Lorenzo.

⚙ Configurar cookies
0.17003393173218