O PP da Coruña denuncia a desatención dos mercados e esixe a aplicación do Plan de Revitalización

O voceiro do Grupo Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, reclamou ao Goberno local que cumpra coa moción aprobada por unanimidade no pasado pleno de abril e poña en marcha de inmediato un Plan de Revitalización e Mellora dos Mercados Municipais. Segundo Lorenzo, a situación actual evidencia “o abandono absoluto” das praceiras e praceiros da cidade.
O popular fixo estas declaracións tras visitar o mercado de San Agustín acompañado pola concelleira Carmen No, onde recolleron as inquedanzas do sector. Os vendedores rexistraron recentemente un escrito pedindo a suspensión do proceso de licitación de postos iniciado o pasado 13 de maio, alegando erros na documentación que, segundo indican, lles impiden participar en condicións xustas.
Entre os fallos sinalados figuran planos con medidas incorrectas, fotografías contraditorias sobre o mobiliario –que, ademais, non pertence ao Concello senón que é de titularidade privada–, e a exclusión de postos baleiros da convocatoria, que só afecta aos espazos actualmente ocupados.
“Os mercados municipais están abandonados”, denunciou Lorenzo, lembrando que a reforma do mercado de Monte Alto acumula xa un ano de retraso. “Cando o advertín en setembro, a alcaldesa chamoume mentireiro, pero o tempo acabou por darme a razón”. Tamén criticou a paralización da actuación no mercado de Santa Lucía, que os veciños de A Falperra levan esperando “desde hai unha década”.
O portavoz do PP sinalou que as queixas do sector non se limitan ao mercado de San Agustín. Praceiras e praceiros de Elviña e da praza de Lugo tamén presentaron alegacións conxuntas ao orzamento municipal de 2025, que foron, segundo Lorenzo, “rexeitadas sen sequera seren lidas”. Denuncian que o investimento previsto para todos os mercados municipais é de apenas 55.000 euros, unha cifra que consideran claramente insuficiente.
Lorenzo advertiu que, pese á aprobación da moción no pleno, “tememos que o Goberno local non vai executar nada, como xa fixo en outras ocasións”. O Plan de Revitalización impulsado polo PP propón, entre outras medidas, a creación dunha mesa local de mercados que se reúna periodicamente con representantes do sector, a actualización ou nova licitación do contrato de mantemento das instalacións comúns, así como melloras para facilitar o acceso da clientela, como o incremento da frecuencia do transporte público e a posta en marcha de axudas para o estacionamento.
Desde o Grupo Popular insisten en que “os mercados son parte esencial da vida dos barrios” e reclaman que se deixen de lado as promesas e se dean pasos concretos para a súa reactivación real.