O PP da Coruña critica a xestión do Goberno municipal no cobro da débeda de Nostián

O Grupo Municipal do PP da Coruña lamentou que a comisión celebrada sobre a concesionaria de Nostián concluíse "sen dar resposta á pregunta clave que interesa aos coruñeses: por que o Goberno municipal decidiu unilateralmente esixir o cobro íntegro dos 15 millóns de euros que debe a empresa concesionaria?".
Os populares consideran que a negociación levada a cabo polo executivo local é "inxustificable" e "unha burla aos coruñeses". "Non hai por onde coller moitas das explicacións que tivemos que escoitar", afirmou o PP. "Dín que o acordo é froito dunha estratexia negociadora, que se reclamaron 15 millóns para acabar conseguindo 8, cando en realidade só temos dereito a cobrar 4 segundo Lage Tuñas".
Desde o PP denuncian que o acordo alcanzado é "lesivo para os intereses municipais" e que as afirmacións do Goberno local sobre a súa legalidade son "imprudentes". "Estamos a falar dun acto administrativo de reclamación de 15 millóns de euros avalado por informes de tres departamentos municipais: a concellería, a asesoría xurídica e a intervención, que tamén lle dá o seu visto bo a esa cantidade", explicaron.
Os populares tamén cuestionaron a xestión municipal da concesionaria, que leva cinco anos en situación irregular. "Dín que é un bo acordo por esta situación contractual, pero quen é o responsable de que Nostián continúe nesta situación?", preguntan.
O PP tamén puxo en dúbida os argumentos do Goberno local para aceptar o acordo. "Se, como di Lage Tuñas, a empresa só tiña que pagar 4 millóns, quen se cre que paga 8 de bo grao? Se o fai, é porque sabe que pode enfrontarse a unha condena de 15. Isto parece os charlatáns do Oeste que vendían crecepelos nos carromatos".
Por último, os populares preguntáronse se o Concello aplicará esta política de negociacións "a calquera coruñés que teña un pago pendente ou se Albada ten un trato especial". "Estamos a falar de cartos públicos e, por iso, non se podía ter pechado un acordo destas características antes de que houbese unha sentenza que establecese a cantidade exacta a pagar", concluíron.