O PP da Coruña critica a falta de fondos estatais para investimentos clave na cidade

ACoruñaXa
Tras o anuncio da prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado de 2023 por segundo ano consecutivo
miguel-lorenzo-pp
26 Mar 2025

O portavoz do Grupo Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, expresou a súa preocupación pola falta de financiamento para os investimentos na cidade que dependen do Goberno do Estado, tras o anuncio da prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado de 2023 por segundo ano consecutivo.

"Exiximos a Inés Rey que aclare o futuro destas inversións pendentes e explique cando se licitarán unhas obras afectadas pola incapacidade de Pedro Sánchez para aprobar uns novos orzamentos", sinalou Lorenzo.

Desde o PP denuncian que a falta de novos orzamentos pon en perigo proxectos fundamentais para a cidade, que seguen sen ter fondos suficientes para a súa execución:

- Cuarta Rolda: anunciada por Inés Rey en 2019, seis anos despois segue en fase de redacción de proxecto e sen financiamento garantido. O seu custo estimado é de 27 millóns de euros, pero nos orzamentos de 2023, agora prorrogados, só hai asignados 500.000 euros.
- Ampliación da Ponte da Pasaxe: cun orzamento previsto de 31 millóns de euros, só conta tamén con 500.000 euros nos orzamentos estatais. A actuación foi anunciada para comezar cando rematase a obra do Sol e Mar, que finalizou hai case un ano, sen avances ata o momento.
- Vial 18: a situación repítese. Cun custo estimado de 25 millóns de euros, só hai 500.000 euros dispoñibles nos orzamentos prorrogados.

Miguel Lorenzo comparou a situación dos gobernos estatal e municipal co da Xunta de Galicia, que considera un exemplo de xestión responsable: "Hai dúas formas de gobernar: cun goberno centrado en resolver os problemas da cidadanía e que cumpre coa súa obriga de presentar e aprobar os seus orzamentos en tempo e forma, como fai a Xunta de Galicia, ou cun goberno que só está pendente dos seus problemas internos e non cumpre coas súas obrigas".

O portavoz popular sinalou que "o goberno municipal socialista, apoiado por un BNG que lle retirou a confianza hai dous meses, só aprobou os orzamentos en tempo e forma en 2024, mentres que os deste ano non entrarán en vigor ata mediados de abril". Tamén criticou que "o goberno socialista do Estado prorroga as contas de 2023 por segundo ano consecutivo e só aprobou tres orzamentos en sete anos".

O PP da Coruña insta a Inés Rey a aclarar a situación dos investimentos pendentes e a esixir ao Goberno do Estado os fondos necesarios para que os proxectos clave da cidade poidan executarse sen máis demoras.

⚙ Configurar cookies
0.057944059371948