O PP da Coruña critica a falta de diálogo do goberno municipal sobre os orzamentos

ACoruñaXa
Os populares sobre o anuncio da taxa turística: "Non a van gastar na cidade e fano sen dialogar co sector"
Miguel Lorenzo, PP Coruña
31 Jan 2025

O Partido Popular da Coruña criticou a falta de transparencia e diálogo do goberno municipal na elaboración dos orzamentos para 2025. "Do novo orzamento non coñecemos nin un papel, é en exclusiva o orzamento de Inés Rey, porque non quixeron dialogar con nós", denunciaron os populares, subliñando que o executivo local xa conta con 600 propostas do PP dende o ano pasado, ademais das 33 mociones presentadas en 2024.

Ademais, o PP reprocha que o orzamento mantén a subida de impostos aprobada en 2024, "que non repercute en melloras para os cidadáns". Segundo afirman, en novembro de 2023 quedaban sen gastar máis de 90 millóns de euros destinados a investimentos nos barrios.

"Inés Rey volve presumir do orzamento máis alto, máis expansivo, máis social... pero o que importa non son as cifras que se poñen no papel, senón o que se executa, e ahí acumula un incumprimento tras outro", manifestan dende o grupo popular. Tamén denuncian que a alcaldesa "ten moito interés en aumentar a recadación en impostos e taxas e moi pouco en investir nos coruñeses o diñeiro recadado".

O PP avanzou que estará especialmente vixiante sobre as partidas sociais, para evitar recortes como os do pasado exercicio, as de vivenda, con atención especial á rehabilitación, accesibilidade e nova construción, e sobre as inversións nos barrios. "Tememos que o orzamento para 2025 será máis do mesmo: moitos anuncios e poucas realidades", afirman.

CRÍTICAS Á TAXA TURÍSTICA

Outro punto de fricción entre o PP e o goberno municipal é a anunciada taxa turística, que segundo o executivo local permitirá recadar 2,5 millóns de euros. "Anuncian unha taxa turística que logo non van gastar na cidade e fano sen dialogar co sector. A Coruña, cidade na que ninguén é forasteiro mentres pague por vir", ironizaron os populares.

O PP sinala que distintas asociacións de hospedaxe, hostalería, vivendas de uso turístico e empresas vinculadas ao sector dos cruceiros xa manifestaron a súa sorpresa ante unha medida que consideran innecesaria. Segundo os datos manexados polos populares, a ocupación hoteleira media é do 68 %, polo que "non parece que haxa esa saturación da que fala o goberno para xustificar a taxa".

Tamén criticaron que o executivo local non dialogara co grupo municipal do PP antes de presentar a medida. "Esperamos a coñecer a documentación porque temos a mesma información que o sector turístico: ningunha. Pero nunha primeira impresión non parece que sexa o momento de crear esta taxa", concluíron.

0.16176104545593