O PP da Coruña critica a escasa execución das inversións municipais

O Grupo Municipal Popular da Coruña acusou ao Goberno local que lidera Inés Rey de manter un “nivel paupérrimo” de execución das inversións previstas no orzamento de 2024, cun grao de cumprimento que apenas chega ao 7,8 % cando xa se superou o ecuador do ano.
Segundo denunciou o portavoz popular, Miguel Lorenzo, a situación é consecuencia directa dos retrasos na tramitación do orzamento, que non foi presentado ao Pleno ata o mes de febreiro, "con catro meses de atraso, porque debería terse feito en novembro para entrar en vigor o 1 de xaneiro".
Os datos foron extraídos da documentación do modificativo orzamentario M1, que se tratou hoxe na Comisión de Facenda e será debatido no Pleno do venres. Nel sinalase que só se executaron 9,8 millóns de euros do capítulo 6, destinado a investimentos directos, sobre un total de 126,6 millóns previstos, incluído o remanente do exercicio anterior.
“Inés Rey continúa abandonando aos barrios. Aos 300 millóns de euros sen investir nos últimos seis anos, únense agora case 117 millóns máis, cando xa transcorreron seis meses”, denunciou Lorenzo, quen tamén criticou que "as poucas obras que se realizaron fixéronse sen consenso cos veciños, que tiveron que saír á rúa a protestar, ou foron auténticas chapuzas".
No tocante ao capítulo 7, correspondente ás transferencias de capital para subvencións como as de rehabilitación ou accesibilidade que executan outras entidades, o grao de execución é aínda máis baixo: apenas 86.457 euros executados dos 23,5 millóns consignados, o que supón un 0,36 %.
Sumando ambos capítulos, os populares denuncian que a execución total das partidas de investimento non supera o 6,6 %. En termos xerais, o orzamento municipal presenta un grao de execución do 24 %, o que implica que tres de cada catro euros aprobados seguen sen gastar.
"A Inés Rey éncheselle a boca falando do orzamento máis elevado da historia da cidade, pero logo non o executa despois de subir todos os impostos a todos os coruñeses. Facer os deberes non é facer o orzamento, é executalo, e Inés Rey suspende", concluíu Lorenzo.