O PP da Coruña critica a declaración de Zona Tensionada e propón medidas alternativas

ACoruñaXa
O grupo popular defende unha política de vivenda que combine accións concretas e efectivas para propietarios e inquilinos
PP Coruña decembro
23 Apr 2025

O voceiro do Partido Popular na Coruña, Miguel Lorenzo, vén de advertir que a declaración de Zona Tensionada promovida polo Goberno local non só non resolverá o problema da vivenda na cidade, senón que podería agravar a situación actual. Segundo sostén, a experiencia de Cataluña —única comunidade onde se aplicou esta figura— demostra que a medida provocou unha caída superior ao 20 % nos contratos asinados e na oferta de vivendas en alugueiro nun só ano.

Lorenzo propón alternativas que, ao seu xuízo, si terían un impacto real: aumentar as axudas municipais á rehabilitación de vivendas, axilizar a concesión de licenzas de obra, activar as máis de 30.000 vivendas baleiras da cidade e, sobre todo, ofrecer seguridade xurídica aos propietarios. “En 2023 só se executaron 26.500 euros dun total de 1,2 millóns orzamentados para rehabilitación. Isto non é suficiente nin eficaz”, denuncia.

Desde o PP tamén critican duramente a tramitación do expediente remitido pola alcaldesa Inés Rey e o edil José Manuel Lage Tuñas á Xunta de Galicia para solicitar a declaración de Zona Tensionada. Segundo Lorenzo, o documento contén múltiples erros e eivas que xa foron sinaladas polo goberno autonómico nun requirimento formal. Entre as deficiencias destacan a falta de sinaturas nas memorias, cifras incorrectas sobre vivenda pública, ausencia de medidas correctoras concretas, un calendario de implantación ou unha estimación económica do impacto da medida sobre os alugueiros.

“Están máis preocupados por cumprir coas esixencias do BNG que por solucionar o problema da vivenda na cidade. Van vender a declaración como a solución máxica, pero o efecto será o contrario: menos vivendas dispoñibles para alugueiro, como xa ocorre noutras zonas onde se aplicou esta política”, conclúe Lorenzo.

O PP defende unha política de vivenda que combine accións concretas e efectivas co apoio real a propietarios e inquilinos, e alerta de que as decisións improvisadas e mal xestionadas poden comprometer o acceso á vivenda de moitos coruñeses nos próximos anos.

 

⚙ Configurar cookies
0.13795709609985