O PP da Coruña alerta de que a zona tensionada e a taxa turística prexudicarán á cidade

ACoruñaXa
Desde o PP propoñen medidas alternativas, como facilitar o acceso ás máis de 30.000 vivendas baleiras que existen
pp-corunha-zona-tensionada
30 May 2025

O grupo municipal do PP advertiu que dúas das medidas promovidas polo Goberno local da Coruña —a declaración de zona tensionada xa aprobada e a taxa turística que se debaterá no próximo Pleno— supoñerán un impacto negativo para os coruñeses.

Os populares consideran que a declaración de zona tensionada, aínda que aprobada pola Xunta por cumprir cos requisitos legais, "non ataca a raíz do problema da vivenda". Segundo explican, esta figura limita os prezos do alugueiro sen aumentar a oferta, provocando o efecto contrario ao desexado: menos pisos dispoñibles e alugueiros máis caros. Como sinalan, "el control de los precios solo provoca que haya menos oferta y a menos oferta, alquileres más altos".

Desde o PP propoñen medidas alternativas, como facilitar que as máis de 30.000 vivendas baleiras que existen na cidade entren no mercado de alugueiro mediante incentivos á rehabilitación ou axudas para seguros de impago. Tamén reclaman cambios na Lei de Vivenda, que —afirman— xera inseguridade xurídica para os propietarios. Critican que o executivo local, liderado por Inés Rey, non estea a impulsar ningunha destas iniciativas.

En canto á taxa turística que o Goberno municipal pretende aprobar en breve, os populares advirten que terá consecuencias negativas para o turismo, o comercio local e a imaxe da cidade, e censuran que non se consultase previamente cos axentes do sector. Subliñan que "nuestra ciudad no tiene problemas de masificación turística", e aportan datos do Instituto Galego de Estatística para apoiar a súa posición: no ano 2024 rexistráronse na Coruña 0,81 pernoctacións por cada cen habitantes, fronte á media galega de 1,24 ou ás 2,25 de Santiago.

Así, defenden que a cidade necesita atraer máis visitantes, congresos, cruceiros e estancias longas. Nesa liña, conclúen: "necesitamos apoyar a los pequeños empresarios del sector, no cargarles con nuevas obligaciones fiscales".

 

⚙ Configurar cookies
0.14531183242798