O PP da Coruña acusa ao Goberno local de aplicar medidas “populistas” en política de vivenda

ACoruñaXa
O popular Miguel Lorenzo fixo fincapé na inseguridade xurídica xerada pola actual lei de vivenda
pp-corunha-zona-tensionada
28 May 2025

O portavoz do Grupo Popular na Coruña, Miguel Lorenzo, criticou con dureza a decisión do Goberno municipal de solicitar a declaración de zona tensionada para a cidade, cualificándoa de “medida populista” que “xoga cos sentimentos da xente” sen atacar a raíz do problema da vivenda. Lorenzo asegurou que, lonxe de ofrecer solucións reais, esta medida podería ter efectos contraproducentes, tal como se comprobou noutras cidades.

Nun encontro mantido coa Asociación de Promotores Inmobiliarios (APROINCO), acompañado por Antonio Deus, Lorenzo lembrou que esta entidade foi unha das que presentou alegacións en contra da declaración da zona tensionada. “Tanto en España como noutros países, os resultados desta lei foron negativos: baixa a oferta de vivenda e os prezos acaban subindo”, explicou.

Segundo o portavoz popular, un dos principais efectos será a retirada de vivenda do mercado, o que reducirá a oferta dispoñible e encarecerá os alugueiros. “En lugares como Barcelona, por exemplo, reduciuse a oferta en máis dun 20 % e aumentaron os prezos dos alugueiros máis baixos”, apuntou.

Lorenzo tamén cuestionou que as medidas previstas pola normativa están dirixidas principalmente aos grandes tenedores —os que posúen máis de dez inmobles— cando “o 97 % das vivendas en alugueiro na Coruña pertencen a pequenos propietarios, que investiron os seus aforros para complementar a súa pensión”.

O popular fixo fincapé na inseguridade xurídica xerada pola actual lei de vivenda, que está desincentivando a oferta en alugueiro: “Hai 30.000 vivendas baleiras na cidade. Que está facendo Inés Rey para poñelas no mercado? Nada”, afirmou.

Lorenzo concluíu asegurando que a situación da vivenda na Coruña require solucións serias e consensuadas, non declaracións que só serven como xestos políticos. “Declarar toda a cidade como zona tensionada non resolverá nada. O tempo acabará dándonos a razón, como xa aconteceu noutras ocasións”, sentenciou.

⚙ Configurar cookies
0.16457295417786