O PP da Coruña acusa ao BNG de facilitar o pago de facturas irregulares de festas

ACoruñaXa
A formación popular denuncia que, por segundo exercicio consecutivo, se abonen servizos sen contrato
CONSELLO-IMCE-PP
20 Jun 2025

O Grupo Popular no Concello da Coruña denunciou que o BNG volve actuar como “cómplice necesario” do Goberno municipal ao permitir, por segundo ano consecutivo, o pagamento de facturas irregulares vinculadas a festas organizadas en 2023.

Segundo explicou o concelleiro popular Roberto Coira, durante o Consello Reitor do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), o Executivo local levou a aprobación un expediente para o pagamento de 1,11 millóns de euros correspondentes a case dúascentas facturas irregulares. O representante do PP votou en contra, mais a proposta saíu adiante cos votos favorables dos membros do Goberno municipal.

Coira asegurou que a posición do BNG foi “un paripé” ao votar en contra no consello, xa que “o cambio nas bases de execución do orzamento, que se aprobou grazas a que os nacionalistas non apoiaron a nosa emenda, permite que o pagamento destas facturas quede aprobado sen pasar por Pleno, como acontecía en anos anteriores”.

Desde o PP lembran que xa advertiran desta situación durante o debate do orzamento municipal: “Dixémoslles que, ao rexeitar a nosa emenda para manter as bases de execución como estaban, estaban dándolle un cheque en branco ao Goberno municipal. O BNG estaba consentindo que se lle retirase ao Pleno a súa capacidade de control e fiscalización”.

Para os populares, esta é unha mostra das consecuencias que comezan a facerse visibles e que “irá en aumento”. Ademais, recordan que en 2024 “o voto a favor do BNG no Pleno foi decisivo para aprobar o pagamento doutros 4,5 millóns de euros en facturas irregulares tamén correspondentes ao ano 2023”.

O PP denuncia que, por segundo exercicio consecutivo, se abonen servizos sen contrato e “sen cumprir coa legalidade vixente”, e conclúe que a responsabilidade política destes pagos alcanza tamén aos nacionalistas, que “volven actuar como cómplices necesarios do descontrol do Goberno local”.

⚙ Configurar cookies
0.12672901153564