O PP da Coruña acusa a Inés Rey de opacidade no convenio de As Xubias e critica o seu plan de barrios

ACoruñaXa
Os populares aseguran que “descoñecen o contido detallado” do Plan de Barrios debido á “falta de diálogo”
O voceiro do PP da Coruña, Miguel Lorenzo
28 Jul 2025

O Grupo Popular da Coruña volve cargar contra a alcaldesa Inés Rey pola “falta de transparencia” en torno ao novo convenio urbanístico para edificar en As Xubias, impulsado por un fondo estranxeiro e envolto na polémica “polo seu carácter especulativo e polo conflito de intereses de Isabel Pardo de Vera”, segundo denunciaron os populares.

Desde o PP lembran que hai un ano o Goberno local xa anunciara un primeiro acordo “de forma repentina, en verán e sen diálogo cos veciños nin coa oposición”, e aseguran que a historia se repite: “agora presenta outro convenio a través da prensa, que levará a Pleno tamén no verán e sen falar con ninguén”, afirman.

Critican tamén que nun ano “non chamou nin unha soa vez ao Partido Popular para abordar este asunto de cidade” e acusan ao Executivo de “esconder a documentación ata o último momento”, xa que a comisión foi convocada esta mesma mañá “por vía de urxencia e con só uns minutos para analizar o expediente”, sobre o que o grupo xa presentou alegacións.

O PP lembra ademais que Inés Rey leva o convenio a Pleno “sen cumprir a moción aprobada por unanimidade —co voto favorable do Grupo Socialista— en outubro de 2024”, que pedía dar cumprimento á aprobada en setembro para suspender o convenio e reducir a edificabilidade da zona mediante unha modificación do PXOM.

Críticas ao plan de barrios

En relación ao Plan de Barrios presentado pola alcaldesa, os populares aseguran que “descoñecen o contido detallado” debido á “falta de diálogo” do Goberno local. Pregúntanse “que credibilidade pode ter Inés Rey cando deixou sen executar 300 millóns para investimentos nos barrios ata este ano e, a mediados de 2025, ten sen gastar outros 117 millóns”.

Segundo os datos que manexa o PP, “mesmo descontando o anunciado hoxe, a alcaldesa segue debendo aos veciños outros 300 millóns en obras”. Acusan ademais a Inés Rey de non consensuar previamente as actuacións, nin con veciños nin con entidades, e critican “a falta de control e seguimento” das poucas obras que están en marcha, “o que provoca que se convertan en auténticas chapuzas”.

Desde o Grupo Popular insisten en que “nin hai planificación real, nin vontade de diálogo, nin execución eficaz”, e reclaman ao Goberno local que “pase das fotos aos feitos”.

⚙ Configurar cookies
0.24478912353516