O PP critica a renuncia do Goberno municipal a reclamar a totalidade da débeda de Nostián

O viceportavoz do Grupo Popular e presidente da Comisión de Transparencia, Roberto Rodríguez, afirma que o portavoz do Goberno municipal, Lage Tuñas, "non expuxo ningún motivo convincente que xustificase a decisión de non agardar pola resolución xudicial sobre a cantidade reclamada á empresa que xestiona a planta de Nostián". Esta situación prodíxese tras a sentenza firme que anula os pagos realizados entre 2011 e 2018 en virtude dun acordo do bipartito municipal PSOE-BNG en 2011, declarado lesivo polo Goberno municipal do PP en 2015.
A propia asesoría xurídica, segundo indicou Rodríguez, "recoñeceu na comisión que a decisión final de perdoar os 7,3 millóns de euros á concesionaria é política e non xurídica", o que supón unha renuncia inxustificada á defensa firme dos intereses dos coruñeses. "Os cidadáns vén privados dun diñeiro que pagaron durante anos á empresa sen ter que facelo", engadiu o popular.
Transmiten que as declaracións do portavoz e o escoitado na comisión confirman que o Goberno municipal abordou este asunto "como un regateo nun mercado ou nunha feira en vez de agardar pola decisión xudicial sobre a cantidade reclamada".
Ademais, Rodríguez destacou que o portavoz municipal non ofreceu ningunha explicación sobre a renuncia a reclamar a totalidade dos 15 millóns de euros, "a pesar de contar con informes da Concellería de Medio Ambiente, da asesoría xurídica e da intervención municipal de febreiro de 2024 que avalaban a reclamación completa". "Non explicou que cambiou nun ano para perdoar case a metade da débeda da empresa co Concello", concluíu o popular.