O PP coruñés pide a Inés Rey que defenda a continuidade do Xulgado de Instrución nº8

O Grupo Municipal Popular da Coruña levará ao próximo Pleno unha moción para esixir á alcaldesa, Inés Rey, que interceda ante o Goberno central e reclame a marcha atrás na decisión de suprimir o Xulgado de Instrución nº8 da cidade. A formación conservadora considera que a rexedora debe seguir o exemplo do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que segundo anunciaron, logrou que non se pechara ningún xulgado na cidade olívica coa creación dun novo órgano de Violencia de Xénero.
“O alcalde de Vigo chegou a un acordo co ministro de Xustiza para crear o novo xulgado sen renunciar a ningún outro, pero en A Coruña a alcaldesa non saíu a defender a Xustiza na nosa cidade. Esiximos a Inés Rey que actúe ante estes agravios xa que Abel Caballero demostrou que é posible”, sinalou o voceiro popular, Miguel Lorenzo.
O PP alerta de que o Xulgado de Instrución nº8 da Coruña xestionou no ano 2023 un volume de asuntos equivalente ao 115 % do módulo de entrada recomendado polo Consello Xeral do Poder Xudicial, segundo datos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Nese contexto, consideran que o seu peche sería un erro que impactaría negativamente no sistema xudicial da cidade.
“Ademais da moción que levaremos ao Pleno, presentamos iniciativas no Congreso e no Senado para evitar esta supresión porque é un erro. Instamos a Inés Rey a que fale co ministro do seu partido para reverter esta decisión”, engadiu Lorenzo.
A iniciativa popular chega despois de que o Colexio de Avogados da Coruña advertira, a través dun comunicado oficial, que “a creación de novos órganos especializados debe facerse sumando recursos, non reducindo capacidades”, cualificando a decisión de “inxustificada e regresiva”.
Tamén a Xunta de Galicia expresou o seu rexeitamento á medida, criticando a falta de diálogo institucional por parte do Goberno do Estado e alertando da perda de medios reais na administración de Xustiza en Galicia.