O PP acusa á esquerda de “fuxir das súas responsabilidades” tras a elección de Piñeiro como alcaldesa

A dirección provincial do Partido Popular vén de cargar contra o que cualifica como “cobardía política” dos grupos da esquerda no Concello de Cambre, sinalando que esta actitude forzou que Diana Piñeiro tivese que asumir a alcaldía tras a dimisión de María Pan Lesta. Desde a formación conservadora defenden que a nova rexedora asume un reto “case imposible”, cun goberno en clara minoría —con só catro concelleiros—, e que o fai por un “exceso de responsabilidade política”.
Desde o PP lembran que nas eleccións municipais de 2023, a veciñanza de Cambre “deixou claro cos seus votos quen debía asumir a responsabilidade de gobernar”, e critican que dende entón o municipio sufriu unha “inestabilidade extrema e insostible” que rematou coa renuncia de dous alcaldes. “A estabilidade política en Cambre rematou cando o PP deixou a alcaldía no ano 2015”, sentencian.
Os populares aseguran que a situación actual non é responsabilidade do seu grupo e culpan ao resto de formacións de poñer por diante os seus “intereses electorais” fronte ao ben común. Neste contexto, xustifican que Diana Piñeiro asuma o liderado municipal tras a marcha de Óscar García Patiño e de María Pan Lesta, mantendo a “coherencia” coa súa decisión de presentar candidatura nas pasadas eleccións.
“Somos conscientes de que é un reto moi difícil, cunha complexidade enorme debido á minoría na que nos atopamos”, afirman desde a dirección provincial. Aseguran tamén que a decisión responde ao compromiso do PP de Cambre coa veciñanza, e non a unha ambición persoal ou partidista.
Finalmente, deséxanlle “toda a sorte do mundo” á nova alcaldesa e fan un chamamento ao resto de grupos para que actúen “con coherencia” e permitan “sacar a Cambre dun enredo político que non merece ningún concello”.