O PP abandona o pleno da Coruña e denuncia “sectarismo” e falta de respeto cara a Miguel Lorenzo

ACoruñaXa
O BNG, pola súa parte, defende a súa oposición útil e critica que o PP traslade a “crispación” desde Madrid
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
31 Jul 2025

O pleno extraordinario do Concello da Coruña estivo marcado por unha forte tensión política que provocou a saída do Grupo Popular da sesión. Segundo informou o PP, o motivo foi o “sectarismo de Inés Rey”, a alcaldesa, que “chegou ao límite ao atacar e lanzar acusacións persoais directas contra o portavoz do grupo maioritario, Miguel Lorenzo, e non lle permitiu falar a pesar de solicitar a palabra por evidentes alusións”.

Desde o PP denuncian que esta “falta de democracia, estas saídas de tono e estas faltas de respecto, ás que xa nos ten acostumados a alcaldesa nos plenos”, obrigáronlles a retirarse “ao non conceder o turno por claras alusións persoais”, antes de poder votar a favor do convenio das Adoratrices e do cambio de uso de Xuxán solicitado pola Xunta para construír máis vivendas.

O BNG

O BNG salientou lograr avances clave en varios asuntos de relevancia para a cidade, como os convenios urbanísticos das Xubias e Adoratrices, así como nas taxas turística e do lixo. A formación nacionalista foi decisiva para sacar adiante estas medidas, xa que o Goberno Local de Inés Rey (PSOE), en minoría con 11 escanos de 27, contou unicamente cos votos do BNG para aprobalas. Pola contra, o PP opúxose a todos os puntos da orde do día e chegou a abandonar o salón de sesións nos últimos dous.

O portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, destacou que o Pleno puxo en evidencia a existencia de “dous estilos de oposición”: a útil e construtiva do BNG, que “obriga o Goberno Local a rectificar e mellorar as súas propostas”, fronte á do PP, ao que acusou de importar a “crispación e a lameira” da política madrileña.

Avia Veira, tamén en nome do BNG, foi clara ao dirixirse aos populares: “Vémolos, señores do PP, moi nerviosos perante o noso labor de oposición construtiva”. E engadiu: “Non finxan ser oposición. As Xubias é un petisco. O que está en xogo na cidade en materia de urbanismo é a transformación do porto, a fronte marítima, e aí vostedes van da man co PSOE”.

No tocante á ordenanza da taxa turística, o BNG conseguiu introducir exencións para persoas participantes en congresos e para docentes que veñan impartir cursos de menos de cinco días. En canto á taxa do lixo, que deriva dunha directiva europea, o BNG logrou que a súa aplicación sexa progresiva ata o 1 de xaneiro de 2029, con criterios de equidade: as empresas que xeren máis residuos pagarán máis, e haberá bonificacións para persoas en situación de vulnerabilidade social.

Respecto ao convenio das Xubias, Avia Veira destacou que grazas á presión do BNG, as parcelas adquiridas por Ginkgo Advisor estarán agora suxeitas á modificación do PXOM de 2020, o que implica “unha significativa redución da edificabilidade, aumento da vivenda pública e zonas verdes, ordenación a cargo do Concello e mantemento da vía férrea”. “Puxémonos firmes e o Goberno Local rectificou”, celebrou a edil.

Finalmente, o convenio das Adoratrices puido ser incluído na orde do día despois de que o Executivo accedera á demanda do BNG de licitar o derrubo do muro do Xardín do Observatorio e xestionar a cesión do espazo para a creación do Parque da Agra do Orzán, condición indispensable para o apoio nacionalista.

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.15733289718628