O pleno municipal dá luz verde en Ordes á corrección do PXOM sobre os equipamentos urbanos

O pleno municipal de Ordes aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 1 do PXOM, un cambio co que o Concello busca corrixir a normativa que regula as parcelas destinadas a equipamentos en solo urbano. A proposta saíu adiante cos nove votos favorables do equipo de goberno e coa abstención da oposición, seis concelleiros do BNG e dous do PSdeG-PSOE.
Segundo explicou o alcalde, esta modificación pretende evitar desaxustes entre o que establece o planeamento urbanístico e a realidade das parcelas nas que se sitúan estes equipamentos. En esencia, o que se quere é adaptar a edificabilidade destes espazos para que a normativa sexa coherente co seu contorno e non xere problemas á hora de desenvolver futuros proxectos.
A medida non atopou rexeitamento frontal na oposición. Desde o BNG, o voceiro Pablo Vidal indicou que o seu grupo non se opón a unha modificación que responde a un interese xeral e non particular. Pola súa banda, a socialista Noelia Ribadas xustificou a abstención en que o cambio permitirá previr problemas urbanísticos e ambientais, ao tempo que contribúe a unha mellor ordenación dos equipamentos.
A aprobación provisional chega despois de que o documento estivese en exposición pública sen recibir ningunha alegación. Ademais, o expediente contou cos informes sectoriais autonómicos preceptivos de distintos organismos da Xunta, entre eles Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Defensa do Monte, Protección Civil e a Axencia Galega de Infraestruturas. Segundo trasladou o goberno local, Urbanismo avalou a correcta tramitación do procedemento.
A sesión plenaria serviu tamén para dar conta da liquidación do orzamento municipal de 2025, que deixa unha fotografía económica positiva para o Concello. Ordes pechou o exercicio cun resultado orzamentario de 2.222.297,55 euros, un remanente de tesourería de 6.980.145,54 euros e un superávit de 2.405.183,12 euros. O executivo destacou ademais que o Concello non ten débeda e que o período medio de pagamento se sitúa en 9,17 días.
Con todo, o rexedor avanzou que o goberno segue traballando nun Plan Económico Financeiro para cumprir coa regra de gasto. A incorporación de distintos créditos ao longo do exercicio fixo que ese obxectivo non se puidese acadar, cun resultado de -1.520.774,07 euros. A pesar diso, o executivo puxo o foco na estabilidade das contas e na capacidade financeira do Concello para afrontar a súa xestión.