O Pleno Infantil da Coruña reúne 140 escolares para alzar a súa voz contra a violencia dixital

ACoruñaXa
A sesión, presidida por Inés Rey no Salón de Plenos, celebrouse en colaboración con UNICEF Comité Galicia no marco do Día Internacional da Infancia
A CORUÑA pleno infantil
27 Nov 2025

O Concello da Coruña celebrou esta mañá unha nova edición do Pleno Infantil, unha cita institucional que se desenvolve en colaboración con UNICEF Comité Galicia e que se enmarca na conmemoración do Día Internacional da Infancia (20 de novembro).

A sesión tivo lugar no Salón de Plenos municipal e contou coa participación de 140 alumnos e alumnas de 5.º e 6.º de Educación Primaria de distintos centros educativos da cidade. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o encontro e quixo subliñar o papel da infancia como suxeito activo na sociedade: 'Neste salón tómanse decisións importantes para a cidade, e hoxe sodes vós quen tomades a palabra para tratar un tema que tamén require accións e compromisos: a violencia dixital'.

Rey incidiu en que 'esta é unha oportunidade para escoitar a infancia, pero tamén para que eles e elas vexan que a súa opinión é útil, necesaria e tida en conta', e lembrou que 'educar en dereitos e participación desde a escola é esencial para construír unha cidade máis segura, máis xusta e máis democrática, tamén no mundo dixital'.

No encontro participou tamén o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, que destacou o labor dos centros implicados e 'a importancia de abrir espazos como este, onde a infancia poida expresarse libremente, aprender a participar e facer valer os seus dereitos desde o respecto, o diálogo e a colaboración'.

A violencia dixital foi o eixo central do Pleno Infantil, un ámbito que preocupa especialmente á rapazada e ás comunidades educativas. A partir do traballo previo desenvolvido nas aulas, o alumnado analizou, debateu e presentou propostas sobre o uso responsable das tecnoloxías, o respecto nas redes sociais e o dereito a medrar nun entorno dixital seguro.

O acto contou tamén coa presenza de Julio Gonzalo Fernández Vázquez, membro da xunta directiva de UNICEF, que puxo en valor o papel das administracións locais na defensa dos dereitos recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno e da Nena, en particular o dereito a ser escoitado e a expresarse libremente.

Participaron escolares de seis centros educativos da cidade (CEIP Curros Enríquez, CEIP Labaca, CPR Dominicos, CPR Escolapios, CPR Salesianos e CPR Karbo), representados por delegacións que interviñeron no salón de plenos e deron lectura conxunta ao 'Compromiso pola Infancia Dixital na Coruña', un documento elaborado de maneira colectiva coas achegas de todos os colexios.

⚙ Configurar cookies
0.076795816421509