O Pleno do Concello de Cambre rexeita o pago de facturas de servizos esenciais
O Pleno ordinario do Concello de Cambre rexeitou a proposta do goberno municipal para aboar 532.711,17 euros en facturas de servizos esenciais mediante un novo Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC). A medida foi votada en contra por PP, PSOE e BNG, mentres que Unión x Cambre e Alternativa dos Veciños votaron a favor, coa abstención da concelleira non adscrita.
A alcaldesa, María Pan, criticou a postura da oposición, afirmando que impiden o pago de servizos como abastecemento de auga, mantemento de zonas verdes ou limpeza viaria. Ademais, sinalou que a proposta socialista de separar as facturas de EMSO e pagar unicamente esas prexudica outras empresas que prestan servizos esenciais.
A rexedora defendeu que o REC é a vía máis áxil para saldar débedas con empresas que seguen prestando servizo sen cobrar e subliñou que o goberno local segue traballando para mellorar a xestión económica. Lembrou que xa se pagaron máis dun millón de euros por resolución de alcaldía e que se reduciu o prazo medio de pago de facturas a 57 días.
“Todo o que pode facer o goberno o está facendo. De feito, por resolución de alcaldía estamos pagando as facturas que non teñen que vir a pleno, e como xa é público o 30 de decembro paguei máis dun millón de euros en facturas que son da miña competencia, pero hai outras nas que non podo entrar e que temos que traer a pleno”, sinalou a alcaldesa.
APROBACIÓN INICIAL DO SAF
A pesar do rexeitamento do REC, o Pleno aprobou os pregos do Servizo de Axuda no Fogar cun orzamento de 8.253.175,92 euros, grazas ao apoio de Unión x Cambre, PSOE e Alternativa dos Veciños. Tamén se deu luz verde aos proxectos do POS+ 2025 da Deputación da Coruña, valorados en 1.149.927,80 euros.
Ademais, aprobáronse as bases do Certame Literario Xoán Díaz e a Conta Xeral do Concello de Cambre de 2023, e formalizouse a renuncia do concelleiro do BNG, Brais Cubeiro.