O Pleno do Concello de Bergondo debatirá a aprobación do Plan Económico-Financeiro (PEF)

O Pleno do Concello de Bergondo celebrará, o xoves 27 de marzo, a súa sesión ordinaria na que se debaterá a aprobación do Plan Económico-Financeiro (PEF) 2025-2026. Este trámite é obrigatorio tras o incumprimento da Regra de Gasto na liquidación do orzamento de 2024, segundo o establecido na Lei Orgánica de Estabilidade Presupostaria e Sostibilidade Financeira (LOEPSF).
O Goberno local de Bergondo quixo subliñar que este procedemento non reflicte unha situación económica negativa para o Concello. "A aprobación deste Plan, que non contempla ningunha medida, non responde a problemas de solvencia nin a dificultade financeira. Trátase dunha esixencia legal que debemos cumprir tras un exceso no gasto computable do exercicio pasado, pero a realidade é que a economía do Concello goza de boa saúde", afirman fontes municipais.
Actualmente, o Concello conta cun remanente líquido de tesourería superior aos 7 millóns de euros, o que amosa a estabilidade e capacidade financeira da administración local. "Temos os recursos necesarios para seguir prestando os servizos municipais con normalidade e acometer novas inversións en beneficio dos nosos veciños. Este Plan é unha mera formalidade que debemos presentar ante as administracións competentes", explican.
A normativa estatal obriga aos concellos que superan a regra de gasto ou que incurren en déficit a aprobar un Plan Económico-Financeiro que garanta o cumprimento dos obxectivos orzamentarios para o ano en curso e o seguinte. Este Plan será sometido a votación no Pleno e remitido ao Ministerio de Facenda para a súa supervisión.
O goberno bergondés reitera o seu compromiso coa xestión eficiente e responsable dos recursos públicos. "O noso obxectivo é continuar cunha política económica equilibrada, asegurando a estabilidade orzamentaria sen que iso supoña un freno ao desenvolvemento de Bergondo e á mellora dos servizos municipais", conclúen.