O Pleno do Concello da Coruña aproba a nova ordenanza sobre illamento térmico

ACoruñaXa
Tamén se aprobaron outros asuntos como o cambio de uso da parcela do mercado de Palavea
pleno-xullo
13 Jul 2025

O Concello da Coruña deu un novo paso na súa aposta pola sustentabilidade urbana e a mellora dos servizos públicos coa aprobación definitiva da ordenanza de Sistemas de Illamento Térmico Exterior (SITE), unha normativa que regulará as intervencións nas fachadas dos edificios para mellorar a eficiencia enerxética.

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a sesión ordinaria do Pleno municipal, na que tamén se aprobaron outros asuntos clave como o avance na urbanización do polígono de Visma e o cambio de uso da parcela do mercado de Palavea, paso previo para a construción dunha nova biblioteca pública no barrio.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, explicou que esta nova ordenanza permitirá compatibilizar as melloras nos edificios co respecto pola estética e o patrimonio urbano: “Agora, o que estamos tentando con esta ordenanza é compatibilizar esas necesarias melloras no parque de vivenda da cidade, fundamentais para que as veciñas e veciños gañen calidade de vida, garantindo tamén a conservación da paisaxe urbana tal e como lembramos no imaxinario colectivo”.

A normativa recolle criterios específicos para os edificios catalogados e tamén para aqueles que, sen estalo, presentan elementos singulares nas súas fachadas. Díaz Gallego salientou que a cidade leva anos rexistrando intervencións deste tipo, como nas torres de San Diego ou na torre Efisa, impulsadas por axudas públicas europeas e municipais.

A ordenanza, segundo indicou o Concello, incorporou achegas de técnicos municipais e da comisión do Plan Especial, garantindo así un marco normativo consensuado.

Nova biblioteca en Palavea

Outro dos puntos destacados da sesión foi a aprobación por unanimidade do cambio de uso da parcela que actualmente acolle o mercado de Palavea. O obxectivo: transformala nun equipamento cultural que albergará a primeira biblioteca pública do barrio.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, indicou que este cambio supón “o primeiro paso, necesario, para executar a construción en Palavea da súa primeira biblioteca pública, mais tamén da súa primeira aula informática”. Lage explicou que o mercado leva anos en declive pola perda de actividade, e que o Goberno de Inés Rey aposta por darlle un novo uso social e cultural ao espazo.

Segundo avanzou, o proxecto da nova biblioteca estará redactado antes de que remate 2025, será licitado no primeiro trimestre de 2026 e a previsión é que estea rematada entre 2027 e 2028.

Urbanización en Visma

O Pleno aprobou tamén o estudo de detalle da mazá Z4-R3L do polígono de Visma, o que permitirá continuar co proceso de urbanización da zona. Díaz Gallego explicou que “o estudo de detalle afecta a tres parcelas onde haberá un único volume edificable, en forma de L, con reaxustes nas rasantes e aliñacións interiores, tamén para delimitar o tipo de usos que haberá en cada zona da mazá”.

Con estas medidas, o Goberno local continúa a executar proxectos que buscan mellorar a calidade de vida da veciñanza e avanzar cara a unha cidade máis sostible, accesible e cohesionada.

⚙ Configurar cookies
0.20200204849243