O pleno de Ordes aproba un orzamento de 13,5 millóns para 2024 cos votos do Goberno local

ACoruñaXa
O documento contou unicamente cos votos a favor do equipo de goberno, o PSOE optou pola abstención e BNG, en contra
ordes-pleno-maio
30 May 2025

O Concello de Ordes aprobou no pleno deste xoves os orzamentos municipais para o ano 2024, que ascenden a 13.585.428,97 euros, cun incremento do 1,51 % respecto ao exercicio anterior. O documento contou unicamente cos votos a favor do equipo de goberno. O PSdeG-PSOE optou pola abstención e o BNG votou en contra.

O alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, explicou que a demora na aprobación responde á tardanza do Goberno central en anunciar a prórroga dos seus orzamentos e á conveniencia de adaptar as contas locais para dispoñer dos créditos necesarios e limitar modificacións.

Entre os investimentos previstos figuran a adquisición dos terreos da estación da Pontraga a ADIF por 141.886,38 euros, a dotación dun ascensor ao inmoble, a primeira fase da demolición da antiga fábrica de Viriato, actuacións de seguridade viaria, obras de saneamento e abastecemento, melloras en instalacións deportivas e culturais como o Museo do Traxe Juanjo Liñares, o campo de fútbol de Montaos ou os pavillóns Castelao II e Campomaior. Tamén se contempla a mellora da eficiencia enerxética na piscina Iván Raña Fuentes, intervencións no polígono de Merelle e a dotación de crédito para humanizar o Campo da Feira do Mesón do Vento.

O BNG criticou que “nos últimos dez anos os ingresos incrementáronse a través de impostos directos como o IBI” e sinalou que “hai 1.849 vivendas baleiras en Ordes”, lamentando a falta de políticas de rehabilitación ou vivenda pública. Denunciaron tamén a ausencia de partidas para a ampliación da EDAR, estudos sobre as feiras locais ou a Praza de Abastos, e tacharon de excesivo o custo da demolición de Viriato. Cuestionaron, ademais, o uso de subvencións nominativas, facendo referencia ao informe do interventor. Finalmente, cualificaron o documento como uns orzamentos que “deixan desatendidos proxectos estratéxicos de cara ao futuro urbanístico, laboral e social do municipio”.

Desde o Goberno local, defenderon a actuación no saneamento e abastecemento con investimentos próximos aos cinco millóns de euros na última década. Sobre vivenda pública, explicaron que os terreos municipais están xa a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo e que se está tramitando unha ordenanza baseada no anexo de habitabilidade, “aínda sen aprobar en ningún dos 313 concellos galegos”, segundo indicou o alcalde.

A voceira socialista, Concha Berdomás, lamentou a falta de investimento en accesibilidade e promoción laboral, afirmando que isto “indica a falta de compromiso do goberno con estas áreas”.

O alcalde tamén puxo en valor o esforzo municipal no Servizo de Axuda no Fogar, cunha achega que pasou de 85.000 euros no ano 2015 aos 500.000 euros actuais, sumando un total de 840.198,78 euros transferidos á Mancomunidade.

No apartado de rogos e preguntas, o BNG pediu actuacións para mellorar a seguridade na grada do pavillón Castelao I, calefacción nos vestiarios, limpeza das redes de pluviais, revisión de tapas de saneamento e a instalación de sumidoiros. Tamén se anunciou que a licitación da nova escola infantil está prevista para o mes de xullo.

⚙ Configurar cookies
0.16916584968567