O pleno de Oleiros aprobará unha moderada actualización de taxas e impostos tras máis dunha década sen revisión

ACoruñaXa
A actualización afectará servizos esenciais como o subministro de auga, o IBI e outras taxas municipais, mantendo os recibos por debaixo da media comarcal
Imaxe da casa do Concello de Oleiros
16 Out 2024

O próximo pleno municipal de Oleiros abordará a aprobación dunha actualización moderada de diversas ordenanzas fiscais, algunhas das cales levaban sen revisarse entre 9 e 21 anos. Durante este tempo, os prezos experimentaron un incremento significativo que, do mesmo xeito que afecta ás economías familiares, tamén pon en risco a estabilidade orzamentaria do Concello. Por iso, e co obxectivo de manter a calidade dos servizos e evitar problemas financeiros futuros, resulta imprescindible esta revisión fiscal. A suba quedará por debaixo dos incrementos acumulados do IPC, e os recibos seguirán sendo inferiores aos dos municipios da comarca.

Os ingresos recadados destinaranse ao mantemento de infraestruturas públicas e aos gastos correntes do Concello, como a limpeza viaria, o coidado de parques e xardíns, os servizos sociais, culturais, deportivos e educativos, a seguridade cidadá, o mantemento do persoal municipal e os gastos en luz e combustible.

Entre as actualizacións máis destacadas está a tarifa da auga, que levaba 12 anos sen revisarse. Durante este período, o IPC aumentou un 23,80%, a isto súmase un 3,52% correspondente ao incremento do prezo da auga por parte de Emalcsa. A nova tarifa representará un aumento duns 1 euro ao mes para a maioría da cidadanía. Nos fogares con consumos superiores á media, modificaránse os tramos de facturación, incentivando o consumo responsable cunha maior carga impositiva.

Ademais, introdúcese unha tarifa de dispoñibilidade de 15 euros destinada a vivendas desocupadas e segundas residencias, que ata o de agora contribuían en menor medida que os veciños empadroados.

Outras taxas afectadas inclúen o IBI, que non se revisaba desde 2012 e subirá do 0,605% ao 0,6655% do valor catastral, así como o ICIO, que se incrementará un 0,5%, equiparándose a municipios como Culleredo e Arteixo. En canto ao imposto de vehículos (IVTM), aínda que aumentará, Oleiros continuará tendo a taxa máis baixa da comarca, igualando a Arteixo e por debaixo de Cambre, Culleredo e A Coruña.

As taxas administrativas incrementaranse un 2%, conforme ao incremento das retribucións do persoal estipulado polo Goberno central.

0.19459509849548