O pleno de Miño aproba a prórroga do convenio con Sareb para vivendas de alugueiro accesible

ACoruñaXa
Aprobado por unanimidade o regulamento de réxime interior da escola infantil municipal “A Ceboliña”
pleno-xunho-minho
24 Jun 2025

O Concello de Miño celebrou unha sesión ordinaria de pleno na que se abordaron diversos asuntos de interese municipal, entre os que destacou a aprobación por unanimidade da adenda II para a prórroga por un ano do convenio de colaboración entre o Concello de Miño e a Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria, S.A. (Sareb), destinada á cesión de vivendas para alugueiro a prezo accesible.

Tamén se aprobou por unanimidade o regulamento de réxime interior da escola infantil municipal “A Ceboliña”, que rexerá o funcionamento interno deste servizo educativo. Outro dos puntos avalados polo pleno foi a delegación na Deputación da Coruña das competencias de recadación voluntaria e executiva da taxa por entrada de vehículos a través de beirarrúas e por reservas de espazos públicos para estacionamento exclusivo, parada ou carga e descarga.

Durante a sesión, déronse conta tamén de dous informes da Intervención municipal: o informe resumo anual dos resultados do control interno correspondente ao exercicio 2024, así como o informe trimestral sobre o cumprimento dos prazos de pagamento e o período medio de pago do primeiro trimestre de 2025, en cumprimento da normativa estatal sobre loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

No apartado de mocións, rexeitouse a proposta presentada polo Grupo Municipal Popular sobre a mellora de rúas no centro urbano de Miño. Pola contra, foron aprobadas dúas mocións: unha do propio grupo popular relativa ao financiamento do sistema de atención á dependencia, e outra do Grupo Mixto-BNG, que reclamaba a ampliación de horarios e mellora dos servizos de transporte por estrada en Miño.

A sesión reafirma o compromiso do goberno local coa mellora dos servizos públicos e coa promoción de políticas de vivenda e mobilidade, ao tempo que evidencia o debate político activo no seo da corporación municipal.

⚙ Configurar cookies
0.17893600463867