O pleno de Cambre rexeita os orzamentos de 2025 e deixa sen debater a nova RPT por falta de apoio

O Concello de Cambre celebrou un pleno extraordinario no que se puxeron enriba da mesa dous asuntos cualificados como “esenciais” pola alcaldesa, María Pan: os orzamentos para o exercicio 2025 e a nova Relación de Postos de Traballo (RPT). Ningún deles saíu adiante tras o rexeitamento conxunto dos 11 concelleiros do PP, PSOE e BNG.
No caso dos orzamentos, que ascendían a 20.885.058,19 euros, foron apoiados por Unión x Cambre, Alternativa dos Veciños e a concelleira non adscrita. A rexedora defendeu a proposta asegurando que o documento "é froito dun traballo iniciado en setembro" e lamentou que “deixalo no caixón sería unha falta de respecto á veciñanza de Cambre”. Asegurou tamén que non se puido levar antes a pleno por “non chegaren a tempo os informes de Secretaría e Intervención”.
O concelleiro de Economía, Facenda, Innovación Tecnolóxica e Seguridade Cidadá, Daniel Mallo, destacou que se mantiveron reunións cos distintos grupos municipais, nos que “todos tiveron ocasión de facer achegas”. O proxecto incluía partidas para modificar a RPT, avanzar na carreira profesional, licitar servizos en precario e realizar investimentos en todas as parroquias. Mallo cualificou a negativa dos grupos como “un voto de castigo que vai impedir levar a cabo moitos proxectos necesarios para Cambre”.
A nova RPT tampouco puido ser debatida, xa que se rexeitou previamente a súa inclusión por urxencia, debido a que non fora ditaminada nas comisións informativas. A proposta contaba co apoio sindical, pero informes en contra das habilitadas nacionais de Secretaría, Intervención e do xefe de Urbanismo e Réxime Interior. A urxencia foi avalada por Unión x Cambre, Alternativa dos Veciños e a edil non adscrita, pero rexeitada por PP, PSOE e BNG, o que impediu o seu debate.
María Pan lamentou profundamente o bloqueo á RPT: “Traballamos arreo no pasado mandato coa representación sindical. Comprometinme a traela a pleno e lamento que o voto destes 11 concelleiros impida dar resposta ás demandas do persoal municipal”.
O Goberno local queda así sen capacidade para avanzar nin no marco orzamentario nin na mellora da estrutura organizativa do Concello, dous piares fundamentais para o funcionamento da administración municipal.