O pleno de Bergondo dá luz verde á proposta do BNG para crear un local de ensaio na antiga Cámara Agraria

O BNG logrou que o pleno de Bergondo aprobase unha proposta para impulsar un local de ensaio musical na antiga Cámara Agraria. A iniciativa, defendida polo voceiro nacionalista David Carro, busca ofrecer unha alternativa cultural e de lecer á mocidade, aproveitando un espazo municipal que actualmente non ten uso.
Carro explicou que a actividade musical desenvolvida no CPI Cruz do Sar amosa un notable interese entre a mocidade local, dando lugar a grupos musicais e mesmo á participación de alumnado en programas televisivos. A creación deste local permitiría canalizar esa creatividade e podería integrarse na rede galega de locais de ensaio impulsada polo BNG na súa etapa na Xunta.
A proposta foi apoiada polo BNG e o PP, mentres que os grupos do goberno local (PSOE e AV) optaron pola abstención. Desde Alcaldía indicaron que o inmoble pertence á Xunta de Galicia e que, por cuestións legais, non se puido formalizar unha cesión prolongada ao Concello. Tamén afirmaron que se valorou a súa adquisición, pero que o custo fixado pola administración autonómica resultaba pouco asumible.
No mesmo pleno, o BNG presentou unha moción para renovar a praza de Guísamo e a contorna do centro de saúde, argumentando que o espazo precisa unha intervención urxente tras anos sen mantemento. O goberno local, segundo o voceiro nacionalista, propuxo un texto alternativo no que aseguraban estar traballando no proxecto, aínda que sen presentar documentación concreta. Carro lamentou que esta resposta restase concreción e compromisos claros á proposta inicial.