O Pleno de Bergondo buscará a aprobación da primeira ordenanza reguladora do servizo de taxi

ACoruñaXa
Tamén se debaterá sobre a modificación da ordenanza fiscal para adecuar as tarifas vixentes
taxi
26 sep 2024

O goberno local de Bergondo levará ao pleno ordinario do mes de setembro (que se celebra hoxe, xoves 26 de setembro, ás 20:00 horas na Casa da Cultura) a primeira ordenanza municipal reguladora do servizo de taxi en Bergondo.

Este documento contempla, entre outras cuestións, as normas xerais a seguir, o réxime xurídico da actividade de taxi (incluíndo normativa sobre títulos habilitantes, vehículos afectos ás licenzas e persoas condutoras e persoal asalariado), prestación do servizo (onde se recollen temas como as tarifas, a concertación do servizo ou os dereitos e deberes das persoas usuarias), réxime sancionador e áreas de prestación conxunta.

Tras conseguir a aprobación inicial no pleno, abrirase un período de 30 días de exposición pública, no que calquera persoa poderá presentar alegacións para tratar de mellorar o texto, incluíndo ou modificando aspectos que redunden nunha normativa máis segura e de mellor calidade.

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL

En paralelo, tamén levará ao pleno a modificación da ordenanza fiscal do servizo de taxi. Esta actualización responde á necesidade de adecuar as tarifas vixentes, que datan do ano 1989, á normativa actual, asegurando así o equilibrio entre o importe da taxa e o custo do servizo.

A nova ordenanza establece unha serie de tarifas fixas para a concesión, expedición e suspensión de licenzas de taxi, que ascenderán a 700 euros. Ademais, aplicarase a mesma taxa para a transmisión de licenzas tanto en vida como por falecemento, mentres que as substitucións de vehículos e o visado de títulos habilitantes terán un custo de 35 euros. Este cambio ten como obxectivo actualizar e modernizar a regulación local, garantindo unha xestión máis eficiente e equitativa do servizo de transporte público en vehículos de turismo.

0.17840719223022