O pleno avala retirar as honras franquistas que aínda permanecen en Betanzos

ACoruñaXa
A iniciativa do BNG saíu adiante cos votos do PSOE e reclama convocar a comisión de Nomenclátor, Honras e Distincións para eliminar medallas, rúas e outras distincións ligadas a figuras da ditadura
O concelleiro do BNG, en Betanzos, Salvador González.
30 Mar 2026

O pleno de Betanzos deu luz verde á moción presentada polo BNG para retirar as honras e distincións que aínda conserva o municipio para destacadas figuras da ditadura franquista. A proposta foi aprobada cos votos favorables do Bloque e do PSOE, mentres que o PP e os concelleiros non adscritos se posicionaron en contra.

A iniciativa busca que o Concello adapte a súa actuación ao establecido na Lei 20/2022 de memoria democrática, unha norma impulsada para avanzar no recoñecemento das vítimas do franquismo e na eliminación de símbolos, mencións e privilexios vinculados á ditadura. Segundo defendeu o BNG, en Betanzos continúan vixentes distincións de especial relevancia, como a medalla de prata do concello ou a presenza no rueiro de nomes asociados ao réxime.

O concelleiro nacionalista Salvador González advertiu de que 'en pleno 2026 non se pode permitir que se manteñan honras tan elevadas como a medalla de prata ou que o noso rueiro inclúa os nomes de persoas como Juan Jesús García Iribarne, José Fariña Ferreño ou Manuel Fraga Iribarne'. Na súa intervención, engadiu que se trata de persoas que participaron na preparación do golpe de estado, ocuparon responsabilidades destacadas durante a ditadura ou estiveron vinculadas ao espolio do pazo de Meirás.

Desde o BNG subliñan que outros concellos e cidades galegas xa avanzaron neste mesmo camiño, entre eles A Coruña, Ferrol, Pontedeume ou As Pontes, onde foron retiradas honras semellantes. Para a formación nacionalista, Betanzos debe dar agora ese mesmo paso para cumprir coa legalidade e contribuír á restitución da memoria democrática.

González insistiu ademais en que resulta imprescindible convocar a comisión de Nomenclátor, Honras e Distincións para executar a retirada destas distincións. Ao seu xuízo, esta medida non só responde a unha obriga legal, senón tamén a un compromiso político e institucional coa memoria das persoas represaliadas pola ditadura.

Na mesma sesión, o BNG lembrou tamén outra cuestión pendente no municipio: a instalación dun memorial no antigo Cuartel da Garda Civil de Betanzos, actual Museo das Mariñas, para lembrar que nese espazo foi preso e torturado Benigno Andrade, 'O Foucellas', un dos guerrilleiros antifascistas máis coñecidos da comarca. A formación lamenta que esa iniciativa, aprobada hai anos, continúe sen facerse realidade.

0.11935114860535