O planetario da Casa das Ciencias acollerá catro sesións do festival de electrónica Modulartec Vortex
O planetario da Casa das Ciencias acollerá entre febreiro e outubro catro sesións musicais da sétima edición do Encontro de Síntese Modular da Coruña, a primeira delas será este venres 23. A nova edición do festival terá lugar do 3 ao 5 de outubro en diferentes espazos da cidade, contando cunha selección de artistas de música electrónica experimental que se anunciará nos próximos meses
"Esta será unha edición moi especial, pois os novos proxectores dixitais do planetario permitirán levar a cabo a creación de visuais en tempo real", indicou o Conselleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro durante a rolda de prensa de presentacion do festival este luns, na que estivo acompañado por Ricardo Ramos, director de Modulartec, e Marcos Pérez, director dos Museos Científicos Coruñeses. O edil destacou a vontade do Goberno de Inés Rey por expandir a cultura e a música en todas as súas vertentes nos diferentes espazos municipais.
O ciclo Vortex naceu como unha homenaxe ás sesións de música experimentais que comezaron en 1959 no Morrison Planetarium de San Francisco, proxecto multimedia pioneiro no que a música electrónica e a creación visual en directo atopáronse por vez primeira baixo a cúpula inmersiva dun planetario.
Este venres 23 de febreiro abrirá o ciclo un 'dj set' en vinilo de Fatfish, proxecto de Ricardo Ramos, que contará con visuais en directo de José Manuel Saudinos. Fatfish é un habitual da escena da música electrónica nacional e internacional, con actuacións en eventos da envergadura de Sónar ou WOS. As entradas estarán á venda a partir deste martes 20 ás 11.00 horas na páxina web da Casa das Ciencias.
O ciclo Vortex continuará cunha sesión de música e visuais de Hataken o venres 26 de abril. O venres 28 de xuño será a quenda de Sofía de África, mentres que o ciclo rematará o 4 de outubro, durante a programación de Modulartec, cunha sesión de música de Xearanx e de visuais de Servando Barreiro. Por outra banda, os días 2 e 3 de marzo terá lugar o Modulartec Lab, un obradoiro de montaxe e programación dun sintetizador modular programable Simple Touch de Synthux, que se desenvolverá na Domus. Serán dúas sesións de dúas horas que comezarán ás 17.00 horas. A organización proporcionará todas as ferramentas necesarias para a montaxe.