O Planetario da Casa das Ciencias acolle unha nova sesión inmersiva de música electrónica

O vindeiro sábado 8 de marzo, ás 21.00 horas, o Planetario da Casa das Ciencias volverá a ser o escenario dunha sesión inmersiva de música electrónica da man de MDLRTC Vortex. Esta iniciativa, que conta coa colaboración do Concello da Coruña, forma parte da programación cultural municipal que busca ofrecer experiencias singulares en distintos espazos da cidade.
“Desde o Goberno de Inés Rey buscamos impulsar iniciativas culturais da man de persoas e entidades que busquen diferenciar á nosa cidade con eventos únicos como este”, destacou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
MDLRTC Vortex é un dos eventos paralelos do festival Modulartec, unha cita destacada no panorama da música electrónica. Nesta ocasión, o protagonista da sesión será Fastfish, recoñecido coleccionista de vinilos e selector con máis de 30 anos de traxectoria como DJ e promotor. Fastfish foi responsable de Discorder, unha prestixiosa tenda madrileña especializada en música electrónica e de vangarda, e é un habitual en clubs e festivais nacionais e internacionais.
Acompañando a Fastfish estará Javier Díaz, artista madrileño multidisciplinar afincado na Coruña, quen se encargará dos efectos visuais ao vivo. Con case 20 anos de experiencia no sector audiovisual, Javier Díaz traballou en proxectos para marcas de publicidade e en innumerables vídeos musicais a través do seu selo e colectivo Ziontifik. O seu traballo inclúe colaboracións con artistas de renome como Dano, Elio Toffana, C. Tangana, Rels B, Nathy Peluso, Dellafuente ou Natos & Waor.
Este evento pretende render homenaxe ás sesións experimentais iniciadas en 1959 no Morrison Planetarium de San Francisco, continuando coa línea das sesións Vortex que se veñen celebrando no Planetario da Casa das Ciencias desde 2018. Nesta ocasión, a experiencia visual verase potenciada polos novos proxectores dixitais, que permiten a creación de efectos visuais en tempo real, garantindo unha inmersión total para o público asistente.