O Plan Único da Deputación alcanza os 116 millóns de euros tras unha nova achega

ACoruñaXa
O POS+2025 mantén o modelo de xestión descentralizado, que permite aos concellos decidir de forma autónoma
dep-pleno-maio
30 May 2025

O pleno da Deputación da Coruña deu luz verde, por unanimidade, a unha modificación de créditos que permitirá ampliar en 30 millóns de euros o orzamento do Plan Único (POS+2025). Con esta achega adicional, o plan acada os 116 millóns de euros, a maior cifra anual desde a súa posta en marcha no ano 2017.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que “a Deputación da Coruña está a demostrar con feitos o seu compromiso cos concellos, apoiándoos con recursos reais e sen condicionar o seu uso, porque son os propios concellos os que mellor coñecen as súas necesidades”. Tamén puxo en valor este programa como “un modelo de cooperación entre administracións que multiplicou por catro o investimento nos concellos, que funciona e que xera resultados medibles”.

Neste sentido, Formoso destacou que “por primeira vez, este ano, a Deputación da Coruña inviste máis nos 93 concellos da provincia que a Xunta de Galicia nos concellos das catro provincias galegas”. Aproveitou a ocasión para instar de novo á administración autonómica a reforzar o Fondo de Cooperación Local ata acadar un mínimo de 200 millóns de euros, unha contía que considerou “razoable e necesaria para garantir o funcionamento dos pequenos e medianos concellos de Galicia, que cada vez asumen máis competencias sen os recursos correspondentes”.

Máis de 230 obras xa aprobadas

O pleno aprobou tamén as primeiras 239 obras do POS+2025, cun investimento total de 32 millóns novecentos oitenta e un mil douscentos vinte e cinco euros, dos cales dous millóns e medio corresponden a achegas municipais. Trátase de proxectos que abranguen desde melloras en infraestruturas, accesibilidade ou renovación de espazos públicos ata actuacións en servizos básicos como o abastecemento e saneamento de auga.

Por tipo de intervención, destacan as melloras en camiños e accesos rurais (134), obras de pavimentación e alumeado (45), redes de abastecemento e saneamento (31), actuacións en equipamentos culturais, deportivos e educativos (21), así como intervencións en centros sociais (3) e parques públicos (5).

No que respecta á distribución territorial, a comarca de Compostela lidera en número de actuacións, con 76 obras por un importe de 9 millóns cento corenta e tres mil oitocentos vinte e cinco euros. Séguenlle a comarca da Coruña (51 obras e 9 millóns trescentos oitenta e tres mil cincocentos vinte e seis euros), Ferrolterra, Eume e Ortegal (49 proxectos e 6 millóns cento sete mil setecentos setenta e tres euros), Bergantiños e Costa da Morte (44 proxectos e 5 millóns novecentos vinte e dous mil setecentos oitenta e nove euros) e o Barbanza (19 obras e 2 millóns catrocentos vinte e tres mil trescentos once euros).

Investimentos sociais e servizos básicos

Ademais das obras, o Plan destina este ano 35 millóns setecentos mil euros a gasto corrente para garantir servizos esenciais como iluminación pública, recollida de lixo, conservación de vías municipais ou mantemento de instalacións. Outros 7 millóns de euros destínanse a políticas sociais para reforzar a atención á poboación máis vulnerable, e 12 millóns de euros para amortización de débeda e financiamento de servizos en concellos que carecen de pasivo. A nova achega de 30 millóns de euros será destinada integramente á execución de novas obras que se aprobarán nos plenos municipais ao longo dos vindeiros meses.

Un modelo descentralizado que fortalece o rural

O Plan Único mantén como unha das súas claves o modelo de xestión descentralizado, que permite aos concellos decidir de forma autónoma o destino dos fondos. Desde a súa creación, en 2017, leva investidos máis de 800 millóns de euros nos 93 concellos da provincia e fixo posible a execución de 4.592 obras e proxectos.

Consolidado como o maior plan de investimento municipal das catro deputacións galegas, e un dos máis ambiciosos do Estado, o Plan Único destaca polo seu deseño baseado na transparencia, na equidade e na autonomía local. Segundo a Deputación, este modelo permitiu desenvolver políticas públicas que, sen este apoio, serían inviables en moitos concellos, especialmente no rural, contribuíndo a reducir desigualdades e mellorar a calidade de vida da cidadanía.

 

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.15582394599915