O plan de limpeza de Betanzos actúa nas rúas Herreros e Roldán

ACoruñaXa
As intervencións enmárcanse no programa municipal de mellora da limpeza viaria, que se está a estender por distintas zonas do casco histórico
BETANZOS limpeza casco historico
25 Nov 2025

O Concello de Betanzos vén de realizar novas actuacións de limpeza viaria nas rúas Herreros e Roldán, dentro do plan municipal de limpeza que se está a desenvolver nas últimas semanas. Desde o goberno local sinalan que estas intervencións se inscriben na folla de ruta posta en marcha para mellorar o estado xeral das rúas, prazas e espazos públicos da cidade.

No marco deste programa estanse a levar a cabo traballos de limpeza en profundidade nas vías do casco histórico e en diferentes barrios, con equipos específicos que actúan de forma itinerante nas rúas máis transitadas e nas zonas con maior acumulación de sucidade. O plan inclúe o uso de maquinaria de auga a presión e produtos específicos para protexer o pavimento, especialmente o de pedra, co obxectivo de preservar mellor estas superficies e facilitar a súa conservación no tempo.

O Concello lembra que estas intervencións complétanse cos labores habituais de mantemento de espazos verdes, mobiliario urbano e parques infantís, e subliña que as redes sociais municipais irán informando das distintas actuacións. A veciñanza pode comprobar nas imaxes difundidas polo propio Concello o resultado dos traballos nas rúas Herreros e Roldán, desde onde se insiste en que se continuará avanzando noutras zonas de Betanzos baixo o lema de seguir traballando por unha cidade máis limpa.

⚙ Configurar cookies
0.073290109634399